Ecoloxistas lertan ao ministro Luis Planas do “grave impacto” da macrocelulosa de Altri nos sectores primarios galegos

02 Maio 2024

As organizacións Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva trasladaron por carta (con documentación dispoñíbel en PDF) ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas Puchades, a súa preocupación ante a posibilidade de que lle sexan concedidos a Altri-Greenfiber S.L fondos públicos para o seu proxecto na comarca da Ulloa, á beira do Ulla, tendo en conta que a propia empresa manifestou que necesita optar cando menos a un cuarto do seu investimento previsto de cartos públicos –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá–, para comezar a construír as súas instalacións, centrando actualmente as súas miradas nos fondos Next Generation e o PERTE de descarbonización. Xunto á carta, engadiron un informe que repasa as principais afectacións que provocaría ese proxecto industrial apoiado pola Xunta, que cualifican de “altamente construtivo”, no corazón do rural galego.

As organizacións asinantes da carta manifestáronlle ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a súa “firme oposición” ao proxecto polos enormes impactos socioambientais que se producirán no xa moi castigado medio rural e ao sector agroalimentario, gandeiro e pesqueiro de Galicia. Asemade, chaman a atención sobre “o irracional que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente e os sectores primarios galegos”.

Alertan tamén sobre a “localización da enorme instalación, unhas de 360 hectáreas, aproximadamente dez veces o tamaño de ENCE en Pontevedra”. Segundo as organizacións o proxecto afectaía directamente á rede Natura (Serra do Careón, Sistema Fluvial Ulla-Deza, desembocadura do Ulla na ría de Arousa e Parque Nacional das Illas Atlánticas en Cortegada) e mesmo aos propios proxectos de ampliación da rede Natura da Xunta de Galicia. Tamén informan ao ministro que a zona alberga varios raros endemismos botánicos en perigo de extinción e moitas especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat segundo a Directiva 2009/147/CE da UE, que Galicia debe cumprir.

Mais sobre todo inciden “na importancia do sector primario tanto na Ulloa coma na ría de Arousa e por iso piden a intervención do ministro Planas”. Afirman, que A Ulloa non é, como queren facer ver, “unha comarca nin atrasada, nin baleirada, nin empobrecida; de feito conta cun sector primario que dá traballo ao 22% dos seus habitantes –21,83% Agolada; 24,85% Palas de Rei; 29,87 % Santiso–, moi por riba da media galega, que está no 6,3%”. Conta tamén con numerosas explotacións de vangarda, innovadoras, ecolóxicas e moitas explotacións de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas, entre elas a D.O.P Arzúa-Ulloa, a segunda das D.O.P. de queixos que máis vende en España. Tamén alertan ao ministro sobre “os impactos que podería ter para a pesca artesanal e o sector marisqueiro galego a ría de Arousa, a máis produtiva, pero tamén máis ameazada, do país”.

Asemade, tamén inciden en que Galicia non pode soportar outra industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión