Dodro celebrará as Letras Galegas con teatro infantil, unha exposición e a presentación da obra gañadora do Premio do Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

02 Maio 2024

O Concello de Dodro celebrará as Letras Galegas coa programación de distintas actividades culturais que se van desenvolver durante o mes de maio. A primeira destas propostas é a obra Fogares de cores de Iolanda Eiras, un contacontos teatralizado e musicado que, ademais de fomentar o uso da lingua galega, ten por obxecto visibilizar os distintos tipos de familia que hai na sociedade actual. Esta actividade celebrarase o xoves, 16 de maio, ás 17.30 horas, na Casa da Cultura de Dodro. A citada actuación está co-financiada pola Xunta de Galicia e pertence ao programa Ler conta moito da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O venres 17 de maio, ás 17.30 horas, o CPI de Dodro acollerá a presentación da obra gañadora do XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, As palabras do sur, de Manuel López Rodríguez. No acto acompañarán o autor representantes da editorial Chan da Pólvora, encargada do deseño e impresión do poemario, representantes municipais, familiares e veciños. O público asistente recibirá como agasallo un exemplar do libro premiado e desfrutará dun evento amenizado coa música e a poesía.

O martes 21 de maio celebrarase a inauguración da exposición fotográfica Escenas da memoria

de Dodro. Esta mostra reúne imaxes antigas da vida comunitaria do municipio e poderá visitarse de luns a venres entre ás 9.00 e as 14.00 horas na Casa do Concello.

A programación do mes das Letras Galegas rematará o venres 24 de maio, ás 17.30 h, na Casa da Cultura coa representación da obra Isaura e Tristán. Contastorias, de Inacio Vilariño de Fantoches Baj. Trátase dunha peza teatral de monicreques para público familiar baseado na novela de Luísa Villalta As chaves do tempo. Unha novela de ficción histórica que se corresponde co último libro da autora homenaxeada co Día das Letras Galegas deste 2024. Este espectáculo pertencente ao programa de actuacións da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O Concello de Dodro celebra deste xeito o seu compromiso coa lingua e cultura galega, ampliando e diversificando a oferta cultural no noso idioma e fomentando o uso do mesmo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión