Boiro acolle este venres a estrea da representación teatral “deseXo” de Talía Teatro

02 Maio 2024


A compañía Talía Teatro estea este venres 3 de maio en Boiro a representación teatral deseXo. A concelleira de Cultura, María Outeiral, participou na mañá deste xoves na presentación da función xunto con Jacobo Sutil, director do AGADIC; Diego Rey, director do espectáculo; Artur Trillo, director da compañía; Marta Ríos e Dani Trillo, actores da función. Segundo explicaron, deseXo é unha peza de nova creación, que nace a partir de inquedanzas xurdidas da propia compañía e en como afecta a pornografía ás nosas vidas. “Este espectáculo forma parte dun programa da compañía que conta coa colaboración do AGADIC para a produción e difusión”, afirmou o director da compañía, Artur Trillo.

Pola súa banda, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, animou á veciñanza de Boiro a que asista ao teatro a ver “este espectáculo que conta coa experiencia dunha compañía como Talía Teatro e que trata dunha forma coidadosa e a través do humor un tema importante”. Segundo engadiu Diego Rey, o espectáculo xorde dun proceso de investigación levado a cabo pola compañía e a sexóloga Bárbara Penas e que se levou a cabo en centros de ensino de secundaria da provincia da Coruña para facer unha composición sobre a situación actual da educación sexual na nosa comunidade. “O espectáculo xurdiu dunha investigación para coñecer a relación da pornografía e as relacións afectivo-sexuais, dando como resultado unha proposta moi necesaria para poñer sobre a mesa a necesidade da educación sexual”, afirmou o director do espectáculo, Diego Rey.

O espectáculo concíbese como unha reflexión en ton cómico sobre a ausencia xeralizada de formación, tanto no ámbito doméstico como no marco formativo regrado, e a aparición de malos hábitos, frustracións, estereotipos sexistas e presión á hora de manter relacións afectivo-sexuais.

Os seus intérpretes, Marta Ríos e Dani Trillo, farán unha exposición de diversas situacións relacionadas coa pornografía e o sexo, un tema que segue a ser tabú, nun ton cómico e humorístico.

A función representarase pola mañá para o alumnado dos IES do municipio e a función de estrea aberta ao público será ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Boiro. A venda de entradas comezará ás 20.00 horas na billeteira. A concelleira de Cultura, María Outeiral, agradeceu a colaboración da AGADIC con pequenos concellos e que permite contar con programación variada durante todo o ano e convidou á veciñanza a ver este espectáculo “que trata un tema que nos preocupa moito e que buscamos traballar nos centros de ensino a través do proxecto En(Clave) e que non se trata o suficiente no eido educativo ou familiar”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión