A Garda Civil detén un veciño da Pobra acusado de tráfico de drogas

01 Maio 2024

Axentes de paisano da Garda Civil de Boiro detiveron a un home no lugar da Pontenaveira, na parroquia pobrense de O Caramiñal, como investigado pola presunta comisión dun delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas ou substancias que fan grave dano á saúde das persoas. Esa detención por parte de efectivos do cuartel principal da Benemérita no Barbanza produciuse nas inmediacións dun importante punto negro de venda de estupefacientes.

Dende hai un tempo a Garda Civil de Boiro realizaba labores de vixilancia preventiva nas inmediacións desta casa da aldea da Pontenaveira, na Pobra do Caramiñal, que funciona como punto de venda de drogas dende hai anos. Esa vixilancia deu froitos este martes; contra as dúas da tarde dous axentes de paisano viron como un home saía dun vehículo e gardaba dúas bolsiñas no peto.

Tras identificarse como axentes da Garda Civil comezaron a rexistralo. No cacheo atoparon 20 gramos de cocaína e 2,5 de heroína. Inmediatamente foi detido acusado dun presunto delito de tráfico de drogas e trasladado aos calabozos do cuartel de Boiro.

Xa pola tarde quedou en liberdade con cargos á espera de xuizo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión