A creación do xardín veciñal da Ribeiriña proseguirá a mediados do mes de maio

02 Maio 2024

A mala previsión meteorolóxica para esta fin de semana, 4 e 5 de maio, obrigou ao Concello da Pobra a adiar a continuidade da creación do xardín veciñal na contorna do centro sociocultural da Ribeiriña. Segundo explicaron fontes do Consistorio, a fase de implantación comezou no 20 de abril e, agora co cambio de datas, proseguirá no 18 e 19 de maio.

Trátase dunha iniciativa promovida pola Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal xunto con Agrofloresta Viva, a Asociación de veciños Ribeiriña-Conchido e Senda Verde para a rexeneración paisaxística seguindo a permacultura; unha forma de deseño de espazos sostibles.

Búscase, deste xeito, xerar espírito de comunidade mediante a co-creación dunha zona axardinada, descentraliza-las propostas lúdico-formativas do núcleo urbano para levalas ao rural e aprender sobre xardinaría.

O programa inclúe unha introdución á xardinaría rexenerativa; o deseño e creación do xardín veciñal; a selección de plantas adaptadas, perennes e multifuncionais; biopreparados e compostaxe para horta e xardín; círculo de saberes e tradicións; plantación e acolchado, deseño participativo de próximas actividades e xantar compartido. Tamén haberá mantemento durante todo o ano.

As persoas interesadas aínda están a tempo de anotarse a través do enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión