O Concello de Muros celebrará as Letras Galegas coa XVI edición da Mostra de Teatro Xosé Agrelo

29 Abril 2024

O Concello de Muros presentou este luns 29 de abril a XVI Mostra de Teatro Xosé Agrelo, que forma parte da programación do Mes das Letras Galegas elaborada polo Goberno local, con numerosas actividades para todas as idades. Na presentación participaron a alcaldesa de Muros, María Lago; a concelleira de Lingua, Laura Rivadeneira; a concelleira Sandra Maneiro; o concelleiro Damián Torea, e representantes dos grupos de teatro O Xeito Teatro, ADISBISMUR, Aquelando Teatro e Quenchedera Teatro.

Segundo fixeron saber, unha das grandes novidades da mostra deste ano é o cartaz, protagonizado por actores e actrices locais e que o concello quere que sirva como unha homenaxe ao tecido teatral de Muros e da súa contorna.“Na mostra deste ano os grupos locais terán unha presenza moi importante, aínda que tamén virán grupos de fóra”, explicou a alcaldesa, María Lago.

Laura Rivadeneira incidiu “na importancia de que o teatro chegue aos nenos e nenas; nesta mostra, todo o alumnado de Muros verá algunha representación”.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello participará no acto da ofrenda a Xosé Agrelo ás 13:30 horas na Alameda de Esteiro. Nesa xornada haberá actuacións musicais, así como charlas e presentacións de libros ao longo do mes.

“O Mes das Letras Galegas é un momento inmellorable para celebrar e tamén para reivindicar a importancia da nosa lingua”, engadiu a alcaldesa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión