
Ao abeiro da mobilización deste domingo 22 en xaneiro como medida de protesta pola xestión autonómica dos vertidos de granulados do buque Toconao, a portavoz nacional e candidata á presidencia, Ana Pontón, acusou a candidato do PP, Alfonso Rueda, de non escoitar “o clamor” da xente do mar que se achegou a Compostela nunha auténtica “marea de dignidade en defensa do sector e contra a xestión que está facendo o PP na crise da marea plástica”. Tamén advertiu que se chega á presidencia do Goberno galego pedirá ao Goberno central asumir todas as competencias en materia de contaminación mariña.
A xuízo de Pontón, “a mentira, a manipulación e a incompetencia está sendo a carta de presentación do PP nesta crise”. Tamén considerou “unha falta de respecto” e “un insulto á intelixencia dos cidadáns que se mobilizaron en defensa do noso mar a valoración que sobre a manifestación fixo Rueda”.
Pontón advertiu que a crise dos pélets é “a pinga que colmou o vaso dun sector que leva sufrindo quince anos de abandono do PP”, un sector que nos últimos tempos veu como perderon 700 embarcacións e 5.000 empregos, e que sufre ademais unha “caída brutal” na produtividade das rías, destacou.
“O verdadeiro ataque ao noso mar é un goberno que non escoita o clamor da súa xente, que abandonou o sector, un goberno que permite o vertido de auga contaminante da mina de San Finx á ría Muros-Noia, o goberno que non é capaz de coidar e rexenerar as nosas rías, o que diante dunha crise como a da marea plástica non se pon á fronte para dar solucións e alternativas”, declarou, ao tempo que se comprometía a ser “a presidenta que se poña do lado da xente do mar e lle dea futuro a un sector fundamental na economía galega” e para iso anunciou que, se os galegos e as galegas lle dan “a oportunidade de liderar o próximo goberno da Xunta”, reclamará ao Estado a transferencia de todas as competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.



