
No boirense Pazo de Goiáns estreábase este mércores 17 de xaneiro o documental Voces da Conserva, da Mancomunidade Barbanza Arousa, financiado con fondos da Deputación da Coruña encamiñados a potenciar a estratexia turística do territorio. No acto da estrea o vicepresidente Xosé Regueira salientaba o potencial da conserva como recurso turístico, ao tratarse dunha “industria con moita historia e identidade, que é patrimonio, cultura e marca país e que debemos potenciar con orgullo”.

Asemade, Regueira subliñou tamén o traballo da Mancomunidade, que demostra “moito cariño polo territorio, buscando produtos turísticos de diferenciación e de calidade”. Exemplo diso é o patrimonio conserveiro, “un elemento fundamental, de memoria, sinónimo de desenvolvemento, e tamén de mulleres traballadoras, que temos que poñer en valor como país”.

Cómpre dicir que esta peza audiovisual enmárcase na campaña turística da Mancomunidade Barbanza Arousa e promove a concienciación e sensibilización sobre a importancia histórica da conserva e as fábricas de salgadura a través do seu patrimonio material e inmaterial.
Alén disto, dicir que na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a Mancomunidade levará este documental a xeito de representación da súa identidade conserveira como reclamo turístico de máximo nivel. Unha aposta que vai en liña coa estratexia da Deputación. “Dirixímonos a un perfil que busca calidade e tamén, neste caso, un turismo baseado na industria e no patrimonio” sinalou Regueira. “Para iso, debemos sentirnos orgullosos da tradición conserveira do país, onde somos líderes non só pola cantidade, senón tamén pola calidade”.



