
Esta semana, o mércores 17 de xaneiro, celébrase en Boiro a estrea do audiovisual Voces da Conserva, que explica a importancia da salgadura e da conserva no territorio do Barbanza, co obxecto de presentar estes históricos sectores económicos á poboación local e de documentar as accións que se van levar a cabo no Plan de Sustentabilidade Turística.
Trátase dun percorrido pola historia da salgadura e conserva industrial de Barbanza Arousa narrada polos seus protagonistas.
A proxección celebrarase no Pazo de Goiáns (Boiro) ás 18:30h. O documental vén da man da Mancomunidade Barbanza Arousa no marco do desenvolvemento da súa estratexia de promoción turística a través da financiamento concedida pola Deputación da Coruña para este fin.
Voces da Conserva ten como obxectivo concienciar e sensibilizar acerca da pegada deixada pola conserva e as fábricas de salga a través do seu patrimonio material e inmaterial no territorio dos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.
O documental ten como fío condutor a historia persoal de Encarnación, unha muller que como tantas outras neste territorio dedicou a súa vida ao traballo no sector da conserva. A través dela, explica a Mancomunidade, “faise un percorrido polas diferentes etapas que se foron sucedendo ao longo dos anos nesta industria que forma parte da idiosincrasia de Barbanza Arousa, desde os pioneiros ata a chegada da modernidade”.
A produción desta peza audiovisual vén dar apoio documental ás diferentes accións que se están a desenvolver no territorio a través do Plan de Sustentabilidade Turística Viaxes a través dos sabores, dotado cun financiamento de 1.5 millóns de euros dos fondos Next Generation.
A estrea está aberta ao público en xeral ata completar o aforo a través de inscrición previa no correo electrónico info@barbanzarousa.gal ou no teléfono 981 845 236.



