
O Concello de Outes comunica que xa deron comezo os traballos para a adecuación dunha cuneta transitael no lugar de Seilán, xusto á beira da estrada autonómica AC-196. Dende o Goberno local explican que esta intervención desenvólvese despois de que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia atendese formalmente a solicitude realizada polo Executivo municipal para dar resposta a unha demanda veciñal histórica.
O obxectivo principal deste proxecto é “incrementar a seguridade viaria nun tramo que soporta un volume importante de tráfico”. O Concello engade que coa construción desta cuneta de seguridade, “non só se optimizará a drenaxe da estrada, senón que se habilitará un espazo moito máis seguro para o tránsito dos peóns e mellorarase a marxe de manobra para os vehículos en caso de necesidade”.
Chamamento á precaución
Ao atoparse a obra en plena execución, dende o Concello de Outes faise un chamamento explícito á prudencia de condutores e viandantes: “Prégase a máxima colaboración cidadá, respectar escrupulosamente a sinalización provisional e reducir a velocidade ao pasar pola zona para garantir a total seguridade tanto dos usuarios da vía como dos operarios que se atopan traballando na marxe da calzada”.
O Goberno local agradece de antemán a comprensión dos veciños e veciñas polas molestias temporais que estes traballos poidan ocasionar, cuxo resultado redundará nun beneficio directo para o día a día do lugar de Seilán.



