ADEGA convoca esta semana 10 limpezas de formación de voluntariado para a recollida de bólas plásticas nas praias (citas en Muros, Noia, Porto do Son, Carballo e Fisterra)

09 Xaneiro 2024

A asociación ecoloxista ADEGA convoca á poboación galega a participar en xornadas de formación para a limpeza da marea de pellets de microplástico procedentes do buque mercante Toconao e que asola a costa galega. As saídas convocadas por ADEGA estarán orientadas especialmente a formar a persoas voluntarias que queiran exercer labores de coordinación de grupos ou colectivos que acudan aos areais para eliminar voluntariamente pellets de microplásticos, así como outro tipo de residuos que se atopan habitualmente nos nosos areais. Segundo explica ADEGA, o carácter formativo das saídas responde á necesidade de “achegar ao voluntariado instrucións precisas e claras de como se debe de actuar para realizar unha limpeza axeitada do lixo mariño e, particularmente, das bólas de microplástico que nestes días chegas ás nosas costas”.

Estas accións celebraranse este mércores, 10 de xaneiro, en Carballo, Muros, Noia, Porto do Son e Fisterra; e o sábado, 13 de xaneiro, en diversas praias dos concellos de Noia, Porto do Son, Carballo, Cangas e Barreiros. En Porto do Son e Noia, a asociación Noia Limpa colaborará con ADEGA nas accións formativas.

Formularios de inscrición

As persoas interesadas en participar nestas accións de voluntariado formativo de ADEGA deberán
inscribirse a través dos seguintes formularios:

Mércores, 10 xaneiro

Sábado, 13 xaneiro

Unha vez aceptadas as solicitudes, as voluntarias e voluntarios recibirán por correo electrónico información específica sobre os puntos de encontro e as praias nas que se actuará. Para futuras convocatorias, as persoas interesadas poden preinscribirse a través destroutra ligazón.

Colaboración dos concellos e a USC

O persoal técnico de ADEGA que coordina estas actividades poñerá a disposición de todas as persoas participantes o material necesario para o desenvolvemento da limpeza e para manter a súa seguridade en materia de saúde. Seguindo o principio de precaución, e mentres non se faga pública a ficha técnica dos pellets vertidos ao mar, ADEGA dotará ao voluntariado de luvas homologadas para a manipulación de produtos perigosos.

ADEGA colaborará tamén coa USC que demandou mostras dos pellets recollidos para a súa análise no laboratorio. O voluntariado contará tamén co correspondente seguro de accidentes.

ADEGA solicitará aos concellos afectados apoio para dotación do material, para a xestión da retirada dos sacos de lixo e para a formación de voluntariado, necesaria, en palabras da asociación ecoloxista, “para evitar que a chegada masiva de persoas aos areais e a realización de limpezas inadecuadas que acaben xerando un impacto negativo”.

Protocolo de actuación

ADEGA chama a “aproveitar esta alerta medioambiental para tomar conciencia real sobre a gran problemática do lixo mariño e dos graves impactos xerados polo comercio marítimo e polo actual sistema de consumo”. Con tal finalidade, dotarase ao voluntariado dun protocolo de limpeza do lixo mariño, con especificacións concretas para a retirada adecuada de pellets de microplástico das praias. Algunhas das recomendacións pasan por “acudir aos areais en grupos reducidos, realizar a limpeza de pellets nas horas de baixamar, empregar luvas de seguridade e evitar achegarse ás zonas ambientalmente máis sensíbeis”.

ADEGA aconsella, igualmente, utilizar a técnica de varrido na area compactada cun cepillo para, posteriormente, metelos nuns recipientes con auga e eliminalos cun coador cunha luz de malla de entre 2 e 3 mm. “Deberemos pisar o menos posíbel a zona a limpar, dirixindo o avance do grupo na mesma dirección”. ADEGA engade, neste senso, que a recollida do material retirado debe facerse en bolsas específicas debidamente etiquetadas, e non mesturar os pellets con outro tipo de residuos.

Pode accederse ao protocolo completo na web de ADEGA, nun arquivo en formato PDF.

Evitar maquinaria pesada nas praias
Á vista de que algúns concellos afectados están a optar polo emprego de maquinaria pesada para limpeza dos pellets, ADEGA lembra que que este método, “alén de ser pouco efectivo para a retirada dos microplásticos, podería agravar aínda máis a situación dos areais”. E engaden: “Desde ADEGA instamos a que as limpezas se fagan manualmente e coordinadas por persoal formado, evitando ao máximo posíbel a compactación e remoción da area e respectando escrupulosamente as zonas dunares”.

Outros artigos

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

Hai cinco anos, en maio do 2019 nacía na súa edición dixital obarbanza.gal e uns días despois na de papel O Barbanza, sempre en galego e baixo a cobertura do Grupo Código Cero Comunicación. Dicíamos daquela que eramos un grupo de profesionais decididos a aventurarnos...

+

O Noia Portus Apostoli, tricampión da Copa Galicia de fútbol sala

Tricampión de Galicia. O Noia Portus Apostoli volveu coroarse este 17 de maio, Día das Letras, como o auténtico rei de Galicia tras proclamarse campión da Copa Galicia por terceiro ano consecutivo. O bloque noiés, o noso único representante na máxima categoría do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión