
As SSMM as Raíñas Magas visitan este xoves 4 de xaneiro todas as parroquias de Boiro para atender as peticións de última hora dos rapaces e rapazas do municipio antes da chegada dos Reis Magos. O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Cultura, María Outeiral, recibíronas na súa chegada ao termo municipal, concretamente á parroquia de Abanqueiro.
As SSMM, acompañadas das paxes reais, atenderon durante a mañá as peticións dos rapaces e rapazas das parroquias de Abanqueiro, Cespón e Bealo. “Comezamos o ano pasado con esta iniciativa gracias ao grupo de voluntariado Turbina e os rapaces e rapazas están encantados de que visiten as súas parroquias e poder conversar con elas”, afirmou a concelleira María Outeiral.

O alcalde, José Ramón Romero, deu a benvida ás Raíñas a Boiro e pediulles que atenderan as demandas de todos os rapaces e rapazas do municipio para a noite máis máxica do ano, a Noite de Reis. “É moi bonito ver a ilusión das nenas e os nenos que se achegan a cada parroquia e que poden falar de preto coas raíñas”, recoñeceu.
O percorrido continúa pola tarde nas parroquias de Macenda, Cures, Escarabote, Cabo de Cruz e Boiro.
A maiores, este venres 5 celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis que conta coa colaboración da Comisión Asociación Parroquial de Santiago de Lampón e que sairá ás 17.15 horas para chegar a Boiro arredor das 19.00 horas onde haberá unha recepción e chocolatada con animación musical na praza de Galicia.



