
Comezou xa a conta atrás para despedir 2023 e o Concello da Pobra do Caramiñal xa ten todo preparado para lle dar a benvida a 2024 cunha axenda para o día 31 de decembro que incorpora unha gran novidade: as badaladas presentadas por Tania Fuegho dende a Casa Consistorial, ás 12.00 horas.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, xunto co seu homólogo da Mocidade, Eloy Sobrido, explicou que se aposta por esta actividade para “lles ofrecer tamén a grupos de idade que non saen pola noite unha alternativa para vivir este festexo en conxunto toda a veciñanza”. Xa a partir das 11.30 horas haberá un DJ animando o ambiente, ademais de levarse a cabo o reparto das uvas e do material de cotillón. E, arredor das 13.00 horas, a charanga Os Festicultores levará a música a todo o núcleo urbano, coa saída dende as inmediacións do Consistorio.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a Casa da Mocidade converterase no escenario dunha festa xuvenil con DJ e, á noite, o toldo instalado na praza Alcalde Segundo Durán pasará a ser o foco de reunión coa celebración do Aninovo coa Discomóvil Chocolate, das 01.00 horas en diante. Como xa é habitual, non faltarán o cotillón, o photocall e a barra.




