David Chipperfield reivindicou en Santiago unha arquitectura que fortaleza a actividade social da comunidade

09 Novembro 2023

O arquitecto David Chipperfield, gañador do Premio Pritzker de Arquitectura 2023, visitou Compostela este mércores 8 de novembro no marco do programa ConCiencia, dirixido polo catedrático da USC, investigador, escritor e divulgador Jorge Mira. Na súa estadía, Chipperfield mantivo un encontro aberto coa cidadanía que se desenvolveu no Centro Galego de Arte Contemporánea, o CGAC. Previamente tivo oportunidade de departir coa alcaldesa Goretti Sanmartín nun encontro institucional no Concello, e tamén coa comunidade da USC nun relatorio no Colexio de San Xerome. Como lembraremos, Chipperfield é un prestixioso arquitecto e urbanista inglés afincado en Corrubedo (Ribeira), onde está a sede principal da Fundación RIA, impulsada por el mesmo co obxectivo principal de “recuperar a rica tradición construtiva do Barbanza e da súa contorna, así como a súa estreita relación ancestral coa natureza e a paisaxe”.

Aposta polo sustentábel e pola posta en valor do patrimonio

Na súa estadía en Santiago, Chipperfield apostou por un futuro onde se “integre a sustentabilidade a través da reutilización de edificios, o cal é sempre mellor que construír outros novos”, afirmou no encontro que mantivo este mércores 8 cos medios de comunicación no Colexio de San Xerome.

O arquitecto recoñeceu que ve en Galicia “todo un referente nese modelo de progreso sustentábel” e reflexionou sobre como “é posíbel que nun contexto no que a economía non é tan potente como noutros países do mundo, a poboación acade tan boa calidade de vida”. E engadiu: “Se cadra non estamos tan atrás e talvez Galicia teña moito que ensinar”. A restauración do Bar do Porto, en Corrubedo, ao que Chipperfield deu unha nova vida, é emblema do que o premio Pritzker entende como a razón de ser da arquitectura. “Unha vila é algo físico pero tamén se trata dunha entidade social”, dixo. “A arquitectura fortalece a actividade social da comunidade”, afirmou. “A rúa é algo social, representa a comunidade e o bar tamén representa a comunidade”, dixo.

Como dixemos, Chipperfield visitou Compostela no marco do programa de divulgación da USC e do Consorcio de Santiago ConCiencia, dirixido polo catedrático Jorge Mira, quen tamén o acompañou durante a rolda de prensa xunto a Manuel Rodríguez, xerente da Fundación RIA. Antes de atender os medios, Chipperfield mantivo unha xuntanza co reitor Antonio López e asinou no Libro de Honra da Universidade. A continuación, dirixiuse ao Concello de Santiago, onde foi recibido pola alcaldesa Goretti Sanmartín.

Ademais, Santiago acolleu este mércores en primicia proxección da versión abreviada do documental do Premio Pritzker 2023 a David Chipperfield. O acto desenvolveuse no Centro Galego de Arte Contemporánea. A peza audiovisual inclúe imaxes exclusivas da cerimonia de entrega do premio, que tivo lugar na Ágora Antiga de Atenas en maio de 2023, intercaladas con comentarios sobre a súa obra a cargo de anteriores galardoados e membros do xurado.

Biografía

David Chipperfield estudou arquitectura na Kingston School of Art e na Architectural Association School of Architecture de Londres antes de fundar o seu propio estudio en 1985. Creou unha metodoloxía de deseño que agora se utiliza en cinco oficinas de Londres, Berlín, Milán, Shanghai e Santiago de Compostela. Amais, é membro do Royal Institute of British Architects e integrante honorario do American Institute of Architects e do Bund Deutscher Architekten. Entre os recoñecementos que recibiu están a Orde do Mérito da República Federal de Alemaña, concedida en 2009, e o título de cabaleiro polos servizos prestados á arquitectura no Reino Unido e Alemaña, concedido en 2010. En 2011 recibiu a Real Medalla de Oro de Arquitectura do RIBA e, en 2013, o Praemium Imperiale da Asociación de Arte de Xapón, ambos os dous en recoñecemento ao seu labor ao longo de toda a súa carreira. En 2021 foi nomeado membro da Order of the Companions of Honour polos servizos á arquitectura, e en 2023 foi galardoado co Premio Pritzker de Arquitectura.

Ademais do seu traballo de deseño arquitectónico, David Chipperfield impartiu clases e deu conferencias en escolas de arquitectura de todo o mundo. En 2012 comisariou a 13ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia baixo o título Common Ground. Foi o mentor de arquitectura entre 2016 e 17 para a iniciativa Rolex Mentor and Protégé Arts. En 2017 fundou a Fundación RIA, unha entidade privada sen ánimo de lucro que traballa polo desenvolvemento económico, ambiental e cultural en Galicia.

Entre os anos 2006 e 2022, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...