
Pásame poucas veces, pero cando ocorre pásoo bastante mal. Atragoarse, segundo non sei cal dicionario ten dúas acepcións: “Quedarse algo detido ou atravesado na gorxa, obstruíndoa ou impedindo que se poida tragar”, ou “que unha persoa cause fastío, enfado ou antipatía”.
Aos meus efectos, quedo coa primeira, que equivale ao que cando era pequeno lle chamaban “irse pola gorxa pequena”, que virá ser que algo vaia pola larinxe cando tiña que ir pola farinxe.
Será cousa dos anos, porque eu atragoábame antes menos que agora, e falo fisicamente da cuestión, porque o que antes non tragaba sigo sen tragalo, xa que hai ben cousas nas que o “non segue sendo non”.
Fisicamente, ao beber – agora que me teñen limitadas as bebidas espirituosas – ata a auga se me ten atragoando, tendo que recorrer a toses repetidas, tragar repousadamente, trasgolar, carraspear… e despois dun anaco ben apurado ir recuperando a normalidade das tragadeiras.
Supoño que a solución estará en ter coidado cos papados, que non sexan excesivos nin apurados, con tranquilidade aínda sendo apurado de natural, para evitar os meus desasosegos que contaxio de inmediato aos que daquela están comigo.
Son atragoamentos físicos, dentro da primeira das acepcións, pero aínda así sempre penso, sen esquecer o contemplado na segunda, que teño sorte en non andar en política, onde ás veces hai que comungar con rodas de muíño que seguro se me atragoan, xa non digamos se estivera nese trece por cento do partido no goberno que non está de acordo con axeonllarse diante de Puigdemont, que seguro van ter un grave problema ao tragar (e dixerir) a situación.



