
O vindeiro 18 de novembro a Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo vai acoller o espectáculo O que non se ve, a cargo da Et Suseia Danza. Organizada polo Concello de Rianxo ao abeiro da Rede Cultural da Deputación da Coruña, a cita será ás 20.30 horas e achegarase de balde (até completar capacidade con retirada de convites dende unha hora antes do comezo na billeteira do Auditorio, máximo 2 por persoa).
O que non se ve representa a través da danza a forza e a loita da muller na sociedade actual. Trátase, en palabras de Et Suseia Danza, “dunha mestura de danza tradicional e contemporánea, que pretende mostrar o que existe debaixo das vestimentas tradicionais e no interior das mulleres do noso país”. Con esta obra, a compañía vai un paso máis alá para conxugar estilos moi diferentes, pero á vez moito en común, aportando unha nova sonoridade nas melodías que acompañan o espectáculo, mergullándose na percusión tradicional pero enfocándoa cara un aspecto máis actual.
O espectáculo inclúe coreografías creadas por Erick Pegueros, Diego Landín e Gustavo Couto, mesturadas co son da música de tradición oral, onde se identifica a enerxía das mulleres do rural galego, nas melodías que grazas a elas chegaron ata nós.
Ficha artística
Coreografía contemporánea: Diego Landín e Erick Pegueros
Coreografía tradicional: Gustavo Couto
Corpo de baile: Iria Calvar e Iria Portos
Grupo instrumental: Cristina Cotilla e Gustavo Couto
Música/arranxos tradicional: Emilio Lois e Kinhos Saburido
Escenografía: Diego Landín
Vestiario: OCT Ultreia
Técnico de son: Ramón Campos
Iluminación: Serxio Duro



