
As entidades, que existen en España, en boa medida grazas a que o diñeiro público -por tanto participado polo pobo español- veu botar unha man para que seguiran esistindo coma tal, evidencian que, lonxe de ter en conta tal axuda ou aportación, seguen a facer o que lles peta e, ao parecer, con pleno consentimento do Goberno.
Primeiro foi coa súa unívoca decisión de pechar ás once da mañá os servizos dos caixeiros aos usuarios das ventaíñas, obrigando aos clientes -entre estes unha inmensa maioría de xubilados- a volver ao día seguinte, que non realizan outras operacións que as de retirar cartos da conta persoal (en moitos casos os únicos ingresos que rexistran son os procedentes da entidade pública que lles/nos ingresa mensualmente a pensión de xubilación) e non empregan para elo outro sistema que o de entregar ao empregado o seu DNI e a cartilla de aforro para, deste xeito, percibir o importe asignado polo INSS e depositado na conta bancaria do xubilado a expensas de que o banco o aboe na conta do beneficiario con días de antelación á súa percepción por este.
Unha protesta a escala nacional fixo que os bancos ampliaran o horario de atención nos caixeiros, atendendo preferentemente aos xubilados carentes da tarxeta da entidade para retiraren por sí mesmos o diñeiro que é seu e non do banco. Foi unha batalla gañada, en boa hora.
Máis agora, cada banco ten asignado un día de cada final de mes para aboar esas pensións a partir do día 23.
Pero neste mes de outubro concorre unha circunstancia estrana que semella afectar exclusivamente á antiga CaixaGalicia -hoxe en día Abanca- que aboaba a partir do día 25 de cada mes -agás en caso de cadrar este día con festivo ou domingo- esas pensións. Que son milleiros, porque estou seguro que ABANCA é a entidade bancaria que en Galicia ten a maior nómina de pensionistas como clientes perceptores do antigo subsidio da vellez e que, sen que ninguén explicara o por que, este outubro que rematamos non poideron/poidemos percibir tal pensión o sinalado día 25.
Cando un pregunta por que, o empregado de turno limítase a respostar que outubro ten 31 días, como se agosto, xullo, maio, marzo e xaneiro xa pasados do ano 2023 non tiveran tamén outros tantos días e sempre se pagou o 25 de cada un deles.
Teóricamente, o Goberno ingresa a partir do 20 de cada mes o importe de cada pensión no banco correspondente. Que fai este banco con tal diñeiro retido ata o 31 de outubro e sen saber os seus responsables os prexuizos que causan por ese retraso ao colectivo de pensionistas (titulares deses cartos) que están acostumados a dispor da súa pensión desde o día 25 de cada mes?. Poden os bancos negociar coas pensións mentres que os titulares destas non poden acceder a elas por mor dunha nimiedade estúpida como é que outubro ten 31 días?. Repórtalle ao banco algún beneficio económico reter esas pensións?, quen se fai cargo do prexuízo ocasionado -de habelo- ao titular da pensión non percibida que, como o propio banco tiña comprometido por escrito, percibiría o día 25 de cada mes?.
Non sei se é válida a desculpa de que outubro ten 31 días para retrasar o pagamento da pensión case que unha semana. Sí sei que os empregados de banca, diante da petición de información ao respecto solicitan o DNI do peticionario, consultan algún papeliño e respostan o dito: outubro ten 31 días.
“Carajo, mi hermano”, diría meu avó materno -que pasou en Cuba 30 anos- así calquera!. O que eu quixera saber é se os altos directivos de ABANCA tamén se ven prexudicados polo feito de ter o mes de outubro 31 días para cobrar o seu moito máis importante salario que a pensión dun xubilado. E de ser así, que o demostren. Eu pedirei perdón.
Cobrar a pensión o día 31 de outubro, seguro que non é ilegal; pero sí pouco ou nada ético. Que pasaría se por tal motivo, todos os pensionistas retiráramos dese banco a nosa conta coma tales?. Seguro que non lles gostaría.
Pois o retraso citado tampouco merece o noso aplauso. Porque os cartos son nosos, non de ABANCA, que os ten cedidos.
Ou non?.



