O Concello da Pobra do Caramiñal lembrou que o prazo de recepción de orixinais para o VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro está a piques de rematar. En concreto, o 1 de novembro é o último día para entregar os textos para o dito certame que convoca o Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia segundo se informara no acto de presentación efectuado a comezos do mes de setembro.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, animou as persoas con inquietudes no ámbito literario a participar nesta iniciativa que busca estimular a creación de relatos dirixidos a un público lector con idades comprendidas entre os 8 e 12 anos, promover os autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e homenaxear o escritor falecido en 2017 e que dá nome ao certame.
O premio considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3.000 euros. Suporá tamén a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra.
Tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil formarán o xurado, que dará a coñece-lo seu veredicto no mes de decembro. Ademais, a entrega da distinción farase coincidir coa presentación do libro, unha vez editado.
As bases están á disposición nas páxinas web das entidades promotoras.




