A Asociación Cultural Barbantia, en colaboración coa plataforma de crítica literaria A Sega e o Concello de Ribeira, organiza estes mes de agosto, de xeito extraordinario, a X edición do Día das Galegas nas Letras. Será unha xornada, a do 15 de agosto, unha xornada de celebración arredor da figura de Aurora Marco, escritora, profesora e ensaísta fortemente vinculada á actividade de Barbantia. A celebración levarase a cabo o martes, 15 de agosto de 2023 dende as 12.30 h no Parque Periurbano de San Roque en Ribeira. En virtude desta xornada, Aurora Marco López recibirá o título de Señora das Letras.
A orixe deste título, Señora das Letras, naceu en 2014 e nas nove primeiras edicións foron nomeadas: Dorohé Schubart (2014), María Victoria Moreno (2015), María Xosé Queizán (2016), Patricia Janeiro (2017), Marica Campo (2018), Xela Arias (2019), Inma Antonio (2020), Uxía Casal (2021) e Luísa Villalta (2022).

Como explican as mulleres do colectivo na súa páxina web sobre esta celebración:
“Hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega”.
Como dixemos, a celebración será no Parque Periurbano de San Roque (Ribeira). Comezará ás 12.30 cun roteiro imaxinario pola vida e obra de Aurora Marco, conducido por Susana Aríns. manifesto, discurso da homenaxeada e, despois de xantar –coma en toda romaría hai que levar o xantar– música, teatro, micrófono aberto con intervencións sobre ela…



