Os concelleiros do BNG, Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla Márquez participaron da concentración en defensa do centro médico de Corrubedo xunto coa veciñanza da parroquia de Corrubedo. Os representantes públicos do BNG recriminan que lonxe de mellorar o conselleiro de Sanidade aínda eliminou máis días de atención sanitaria nesta parroquia ribeirense.
Pérez Barral tiroudos datos para retratar a preocupante realidade que se está a vivir na sanidade galega e deixar en evidencia o “teatrillo” do PP para facer ver aos cidadáns que “aquí non pasa nada”. O BNG non vai aceptar, dixo, que se venda como “normalidade” unha “situación de excepcionalidade permanente” e, neste sentido, referiuse aos milleiros de galegos e galegas que non teñen médico asignado, aos que se ven na obriga de agardar semanas para ter unha cita ou a todos os prexudicados polo peche dos seus consultorios de referencia.
A “radiografía da situación real” fronte as mentiras do conselleiro e do PP inclúe case 215.000 doentes que agardan por unha primeira consulta hospitalaria, 46.000 á espera dunha intervención cirúrxica ou 250.000 pendentes dunha proba diagnóstica. “O PP non consegue tapar con propaganda a grave situación da sanidade pública, os gravísimos problemas estruturais consecuencia de 14 anos de recortes”, sentenciou Barral, que lembrou que detrás das estatísticas “hai persoas, con nomes e apelidos, que sofren pola súas doenzas”.
O candidato á Alcaldía de Ribeira, volveu pedir, entre outras cuestións, un plan de continxencia con medidas e reforzos para facer fronte á atención sanitaria na época estival, o nacionalista referiuse tamén á “realidade” do gasto sanitario e lembrou, facendo alusión a datos oficiais do Ministerio de Sanidade, que Galiza é “segunda pola cola” no investimento en Atención Primaria, ou a cuarta comunidade que menos orzamento destina a pagar ao seu persoal provocando unha fuga de profesionais.
Barral insistiu en que todas as medidas propostas polo BNG son “máis que factibles se hai vontade de investir os recursos e contratar o persoal sanitario necesario para garantir a calidade na atención á poboación”.




