A Mancomunidade Barbanza Arousa tivo unha mención especial na derradeira publicación que realiza periodicamente a Secretaría de Estado de Turismo en tornoao selo de calidade turística SICTED

A Mancomunidade Barbanza Arousa foi destacada dentro da publicación que realiza
periodicamente a Secretaría de Estado de Turismo. Distribuída a finais do pasado mes
de xuño, realizouse unha mención especial ao noso destino como caso de éxito a nivel
nacional na implantación do selo SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en
Destino).
Desde a Secretaría de Estado de Turismo destacan o gran número de empresas que
iniciaron o proceso de certificación, así como a alta porcentaxe de éxito na implantación do selo de calidade, distinguíndose máis do 75% das empresas e servizos turísticos participantes.
Os bos resultados obtidos xa foran valorados moi positivamente por membros de
Segittur, no Encontro de Xestores de Destinos Turísticos Intelixentes no que participou
a Mancomunidade o pasado mes de maio en Gijón e no que se reuniron máis de 100
destinos turísticos a nivel nacional.
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola
Secretaría de Estado de Turismo co apoio da FEMP, que traballa con servizos turísticos
de ata 36 oficios diferentes, podendo participar todos os establecementos que se
atopan no círculo do consumo do turista como transporte, aloxamento, restauración,
comercio ou axencias de viaxes entre outras.
O obxectivo último é mellorar a experiencia e satisfacción do turista; mais para os
servizos turísticos que decidan adherirse ofrece beneficios tales como mellorar a xestión interna, dispoñer dunha referencia para mellorar o seu traballo, incrementar a
cualificación do persoal, compartir experiencias con empresarios do mesmo sector,
participar no maior proxecto de calidade turística desenvolto en España con máis de
9000 servizos turísticos participantes ou optar a un distintivo que acredita o nivel de
calidade turística, recoñecendo o esforzo realizado a nivel nacional e internacional.



