“Todos os días eran quince de Xullo”. Estevo Silva

27 Xuño 2023

Xuraría que foi onte cando esta vila aínda era nosa, se é que se pode dicir que un lugar nos pode pertencer sinxelamente empregando adxectivos posesivos, cando en realidade estamos aquí de usufruto.
É ben certo que, a medida que os anos foron maltratando sen misericordia o meu lombo, Boiro medrou con rapidez a ritmo de cemento, conservas, turistas e riadas de suor de traballadores. Mais nada mínimamente semellante a o xeito antinatural e amargo de agora. Desculpen se divago un pouco; o tempo e a fame fan que esta cabeza non funcione como me gustaría, pero procurarei ordenar os pensamentos.
Dende que comezou o condenado éxodo dos habitantes do centro e do sur peninsular, nada volveu a ser o mesmo para ninguén. Direi no noso descargo que en Boiro non somos animais e, nun principio, recibimos con cordialidade a aqueles primeiros centos de persoas chegadas de lonxe… ¿de onde eran?,
¿Extremadura, pode ser? A verdade é que a estas alturas xa non me lembro ben, pero pouca importancia ten a miña mala memoria xa.
O caso é que a organización estatal non foi mal de todo naqueles primeiros anos; a xente chegaba con vivendas habilitadas dignamente e un traballo ou, cando menos, axudas para poder vivir. Mais a medida que as choivas seguían sen pasar máis aló do Bierzo e a cor marrón da seca continuaba a avanzar como un incendio descontrolado pola Península Ibérica, milleiros e milleiros de familias comezaron a ser protagonistas dunha diáspora masiva cara o norte, nun principio temerosas pero esperanzadas; máis tarde, completamente desesperadas.
Naturalmente as rías galegas eran un destino especialmente demandado pois a maioría das borrascas do Atlántico, aínda que algo máis escasas (e violentas) do habitual, continuaban a entrar por elas con certa regularidade. E un día, de súpeto, os controis que as autoridades colocaron nas fronteiras con Castela tornáronse inauditamente laxos naquel 2034 no que todo se foi de control e, cando todos quixeron reaccionar, xa era dramáticamente tarde.
Dun día para outro Boiro estaba abarrotado, igual que nas festas de verán, pero sen nada que festexar.
Ducias e ducias de auto-caravanas comezaron a conxestionar o tráfico da vila dun modo inaudito que ninguén lembraba, facendo unha tortura o feito desprazarse en vehículo. Pero o peor aínda estaba por chegar.
Xamais serei quen de borrar da memoria o día en que baixei ao paseo marítimo de Barraña e me decatei do dramática que era a situación. Aquel lugar que tanto amaba e no que me divertía cando era novo semellaba agora un campo de refuxiados, ateigado de centos de tendas de campaña sobre o verde aos pes da praia. A única diferencia cos que tiña visto nos telexornais era que estes refuxiados eran case todos brancos e falaban castelán.
Non tardou nin quince días en quedar o areal sen un condenado berberecho que levar á boca ante a mirada chea de bágoas de carraxe das traballadoras do mar e, após, as fichas de dominó comezaron a caer sen remedio unha tras outra. Os mercados da nosa vila xa non eran abondo para abastecer a tanta poboación facendo que as liortas entre os boireses e os forasteiros fosen cada día máis e máis frecuentes. As leiras da contorna, as viñas e as árbores froiteiras foron saqueadas como as tumbas dos faraóns do antigo Exipto.
Mesmo algún galiñeiro particular foi profanado con nocturnidade e obrigada aleivosía.
Non quedou piso baleiro en toda a vila nin segunda residencia sen ocupar; de nada serviron as empresas privadas de seguridade nin as forzas do estado. Ata houbo que habilitar o pazo de Goiáns como campo de emerxencia.
O sentimento de pertenza a un lugar estaba a flor de pel. Para nós, estabamos a ser invadidos; para os de fora era o seu dereito, porque estaban no seu país. A necesidade converteuse nunha xeradora de odio formidable e pronto as liortas tornaron en disturbios.
A chegada do exército calmou os ánimos uns días, pero foi pouco menos que un espellismo. Os militares tamén comían e ocupaban moito espazo; asemade, pouco podían facer sen empregar a forza así que marcharon decontado á procura dun sitio máis sinxelo de pacificar. Finalmente quedamos na vila unha morea de xente, pero en realidade estabamos sós.

E así é coma Boiro pasou de ser noso a ser de ninguén. Deixou de ser agradábel pasear pola beira do Breiro ou pola praia; a rúa peonil estaba saturada de xente buscándose a vida nun mercado de intereses grotesco, onde o troco de toda clase de mercadorías tornouse nalgo normal. Semellaba que todos os días foran quince de Xullo, pero en triste. Mesmo esa parella de famosas gaivotas ladroas deixaron de ter comida que roubar aos transeúntes e desaparaceron… ou se cadra algo peor.
Agora, sentado na relativa tranquilidade do meu fogar, remato estas verbas ollando a través das ventás ese bendito verde que se transmutou na nosa maldición.
En fin, nunca se sabe o que nos deparará o futuro. Pode que as choivas volvan a baixar ao resto da península e podamos recuperar a nosa vila, ou pode que a nosa vila siga sen ser de ninguén para sempre.
Agora doume de conta de que debíamos tela desfrutado máis cando tivemos a oportunidade. E con todo e por sorte, polo momento segue a sair auga fresca e limpa pola billa, que xa é moito decir.

Outros artigos

“La soledad, mala compañera”. Javier García Sánchez

Afecta a una de cada cinco personas en España, y se trata de una sensación deaislamiento y desconexión emocionalNos demos cuenta o no lo cierto es que cada vez vivimos en una sociedad másindividualista donde recala con fuerza la soledad no deseada. Se trata de...

+

“Santos con lentes”. Xosé A. López Silva

Hai anos que levo un caderno de santos: datas, anécdotas e atributos rechamantes, apuntados sen moita orde nin concerto. Abre por San Xerome, o mesmo que de cando en cando volve aos xornais porque na fachada de Santa María de Pontevedra, entre os doutores da Igrexa,...

+

“Emerxencia habitacional” – José Manuel Pena

O Goberno Vasco vén de mercar ao fondo de investimento Blackstone unhas 510 vivendas con destino a alugueiros sociais para familias vulnerables. Estas noticias son as que realmente contribúen ao cumprimento do Dereito á Vivenda, recollido no artigo 47 da Constitución...

+

“E veu. Daqueles pos, estas lamas” – Antón Luaces

O Sur de Europa, todo está no Sur: España foi a primeira, Francia a segunda e Italia a terceira. E todo parte dunhas protestas cidadáns que se xustifican nos baixos salarios laborais, nos altos/altísimos prezos do alugueiros das vivendas e a inseguridade ou...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

Hai case oito séculos, as Sete Partidas de Alfonso X pretendían establecer unhas regras comúns para ordenar a sociedade. Hoxe vivimos nunha democracia con leis e mecanismos de control, pero segue vixente unha pregunta fundamental: de que serven as normas se quen debe...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.