Valladolid foi o lugar escollido para a presentación do destino turístico Ría de Muros Noia ao público de Castela e León, a través da campaña A paisaxe humana máis fermosa, unha recompilación de fotografías que poñen o foco nas persoas e que recollen o carácter especial das persoas que viven na comarca. “Presentamos a ría e as súas xentes como un destino moi próximo, que mesmo acompaña aos visitantes”, explica José Antonio Marcote, responsábel de Comunicación na Ría de Muros Noia.

A presentación incluíu a proxección dos vídeos As rías galegas tal como eran e Ría de Muros Noia, sostible por natureza, que, segundo salientan os responsábeis do destino, incrementaron o interese dos presentes nunha contorna de “gran riqueza gastronómica, cultural, paisaxística e patrimonial pero que sabe manterse á marxe da tradicional sobrexplotación do turismo costeiro”, apuntou Marcote, que engadiu que “un exemplo dese interese é a nosa peculiar oferta hostaleira, que se afasta das grandes aglomeracións na busca da excelencia no trato duns seus establecementos de calidade e cun número reducido de habitacións”.
De feito, esta peculiaridade, canda a gastronomía e o Camiño de Santiago, foron os tres eixes que concentraron o interese dos medios de comunicación reunidos en Valladolid. No caso da gastronomía, eran coñecedores das excelencias dos produtos galegos pero amosaron a súa sorpresa ao coñeceren todo o mundo que xira en torno ao berberecho da ría e que mesmo ten promovida a súa candidatura a Patrimonio Inmaterial da UNESTCO. A posta en valor do camiño de peregrinación a Compostela tamén foi moi ben recibida, así como a súa singularidade de combinar itinerarios marítimos e terrestres.

“Sorprendeunos ao principio o seu total descoñecemento da nosa Ría, incluso entre profesionais de moita traxectoria pero, despois da presentación varios deles xa nos fixeron chegar o seu interese de achegarse para coñecer en persoa o noso territorio”, sinala José Antonio Marcote.
Esta presentación en Valladolid dá continuidade ao traballo realizado a pasada semana en Turexpo Galicia, en Silleda, onde se presentou A paisaxe humana máis fermosa e retoma as presentacións da Ría de Muros Noia despois da exitosa realizada o pasado mes de abril en Lisboa (Portugal).



