A asociación da nosa comarca Amicos e a comunidade escolar de Vilanova de Arousa xuntaron forzas este luns 5 de xuño para visualizar o problema do lixo mariño, presente en todas as nosas praias. Segundo fixeron saber, cada ano prodúcense a nivel mundial máis de 400 millóns de toneladas de plástico e crese que a metade deste material concíbese para unha vida útil dun só uso. Así, “menos do 10% recíclase e estímase que entre 19 e 23 millóns de toneladas de refugallos plásticos terminan cada ano en lagos, ríos e mares”, explicaron, ao tempo que indicaron que os microplásticos invaden os alimentos, a auga e mesmo o aire. “Estímase que as persoas inxiren máis de 50.000 partículas de plástico cada ano, e mesmo moitas máis se se teñen en conta as partículas inhaladas”, sinalaron.

Estas e outras cifras están na base da xornada de limpeza deste luns 5 de xuño, na que voluntarios e voluntarias da Asociación Amicos, acompañados de 130 escolares de IES Faro das Luas, e traballadores de Pan do Mar, levaron a cabo unha acción de sensibilización e recollida de residuos mariños na praia das Sinas, no concello de Vilanova de Arousa.

Os “profes verdes” de Amicos comezaron cunha acción de sensibilización para todos os participantes e que así puidesen adquirir as competencias, habilidades e actitudes necesarias para coñecer todo o relacionado co coidado medioambiental.

Ao finalizar a gran recollida, lográronse apañar 25 kg de plásticos, 12kg de mestura e 2kg de vidro. Un total de 39 kg de residuos.

Desde a empresa Pan do Mar, Natalia Escourido, portavoz da empresa, cualificou a actividade “moi beneficiosa para a sociedade”, pois “estas accións reúnen todos os requisitos que nós buscamos. O coidado do mar, coma a sensibilización dos máis novos, ou a inclusión das persoas con discapacidade”. Quixo tamén aproveitar a ocasión para informar de que cara o vindeiro ano volverán a colaborar con Amicos “xa que para nós este tipo de accións reverten nun mellor estado da ría e tamén na calidade de vida das persoas con discapacidade”.

Pola súa banda, Miguel Beiro, responsábel de emprego e empresas de Amicos, quixo dar as grazas a todos presentes e comentou que neste 2023 “levamos recollidas case 1 toneladas de lixo en todas as nosas acción de sensibilización e limpeza medioambiental”. Así mesmo, aproveitou para dar as grazas por esta alianza xa que “é unha aposta para poder continuar realizando estas accións ambientais”.




