A Asociación de Mulleres do Barbanza (Mulleres en Acción) convocou unha nova concentración para mostrar a súa repulsa polo feminicidio de Ana Vanesa en Oia. A mobilización celebrarase este 5 de xuño ás 20.30 horas na praza do Concello, de xeito simultáneo que nunha vintena de localidades da xeografía galega. Mulleres en Acción fai un chamamento á participación neste novo acto de rexeitamento e loita contra a violencia machista, xa que, lembran, “estamos ante unha lacra que cómpre erradicar e isto só se consegue coa participación de todas e todos”.
A listaxe de localidades nas que se organizan mobilizacións podemos vela na web www.feminismo.info.
Os feitos que se denuncian nesta nova concentración aconteceron esta fin de semana nun camping de Oia (Pontevedra), onde foi asasinada Ana Vanesa pola súa ex parella, que se suicidou dun disparo nun monte próximo ao lugar dos feitos. O home (un axente da Garda Civil) tiña orde de afastamento de 300 metros da vítima e prohibición de comunicarse con ela. O presunto autor do feminicidio suicidouse sobre as 22.15 horas deste sábado tras máis dunha hora na que os axentes tentaron dialogar con el para que se entregase.




