Mergulladores da Policía Nacional buscaron nas augas do porto de Ribeira a arma coa que dispararon un mozo marroquí de 27 anos na madrugada do domingo. Axentes da Policía Nacional acordoaban unha zona da rampla situada entre o peirao de embarcacións menores e o comercial, lugar que foi rastrexado por varios submarinistas da unidade subacuática do devandito corpo. Sobre as 13.00 horas, os mergulladores abandonaron o lugar sen achar a arma. Está previsto que este martes regresen á zona para continuar coa procura.
A navalla coa que tamén o acoitelaron xa apareceu e agora a investigación céntrase na pistola, que supostamente guindaron os atacantes ao fondo do peirao.
Mentres, na comisaría da Policía Nacional, permanecen detidos tres homes supostamente relacionados cos feitos. Foron interceptados onte en Tui cando, ao parecer, tentaban fuxir cara Portugal. Agárdase que mañá ou pasado pasen a disposición xudicial. Dous deles están acusados de intento de homicidio e o terceiro de encubrimento.
Pola súa banda, o ferido atópase estable dentro da gravidade nunha unidade de coidados críticos do hospital Clínico de Santiago. Foi intervido tras recibir un disparo e varias puñadas, despois dunha grave pelexa entre dous grupos de mozos. Segundo relatan as testemuñas, os golpes comezaron a iso das 3 da mañá na zona do malecón, seguiron nunha persecución polas rúas da cidade e remataron co intento de homicidio na rúa Diego Delicado.




