
A delegación ribeirense da Asociación Española Contra o Cancro inaugura este martes 20 de xuño o seu centro sociosanitario, de ámbito comarcal, nun baixo comercial situado na Rúa Estatuto 1, no barrio residencial de Abesadas.
O traslado ao seu novo emprazamento permitirá eliminar o problema que ten de accesibilidade a súa actual sede en Rosalía de Castro.
A AECC esta xa nas súas novas dependencias desde finais de maio e nese novo centro sociosanitario dispoñerán dos servizos de Psicoloxía, Logopedia, Traballo Social e departamento oncoestético, que será o cuarto da provincia da Coruña, co que o da capital barbancesa será un referente para as localidades da súa contorna.
O acto de inauguración terá lugar as 7 da tarde deste martes e no mesmo participarán María José Carreira, presidenta da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Ribeira, Carlos Lamora, vicepresidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro e o alcalde en funcións Manuel Ruiz.



