O Pazo de Goiáns acolle este sábado 15 de abril, ás 19.00 horas, unha nova sesión das súas visitas teatralizadas. A agrupación encargada de oficiar a visita e mergullar aos participantes no pasado do pazo será novamente Os Quinquilláns.
Segundo informa o Concello, organizador destas actividades, as visitas guiadas de Os Quinquilláns preséntanse como unha boa oportunidade para coñecermos, dun xeito ameno e participativo, a historia da construción e da contorna natural que a rodea.
Estas experiencias, engaden dende a Área de Cultural do Consistorio, “teñen como finalidade dar a coñecer o noso patrimonio e a historia do Pazo de Goiáns a través do punto de vista dos personaxes baseados nas persoas que o habitaron”. Por certo que para a elaboración destas visitas teatralizadas realizouse un encontro coa veciñanza dirixido a poñer en común a sabedoría popular e os recordos das e dos boirenses que estiveron vinculados ao Pazo.
Inscrición previa na Casa da Cultura de Boiro ou no 981 84 84 25.



