
O Concello de Boiro desenvolve durante o curso 2026/2027 unha nova edición do Proxecto EnClave, programa municipal de educación, igualdade e saúde con actividades que se desenvolven ao longo do curso escolar nos centros de primaria e secundaria do termo. O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Ensino, Carmen Silva, presentaron o proxecto xunto coa técnica, Elena Dosil.
Segundo explicaron, estamos ante un programa pioneiro e innovador que naceu no ano 2021 a raíz das problemáticas detectadas na pandemia.
Foi galardoado na pasada edición no IX Concurso de Boas Prácticas Municipais na prevención e intervención fronte ao absentismo e na mellora da convivencia escolar convocado pola Federación Española de Municipios e Provincias e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
O Proxecto EnClave, no que o Concello de Boiro inviste nesta anualidade 65.482,5 euros, traballa sobre as necesidades detectadas nos centros educativos como a saúde mental, o acoso escolar, a detección dislexia e TDA/H… proporcionando ferramentas ao alumnado e ás familias para solucionar posíbeis problemáticas e conflitos.
“Aínda que non temos as competencias en educación, para nós é fundamental traballar cos nosos rapaces e rapazas en todas as etapas educativas atallando os principais problemas e necesidades detectados no contexto educativo”, recoñeceu o alcalde, engadindo que os programas deste curso divídense en tres grandes bloques.
Por un lado o bloque que aglutina aqueles programas relacionados coa saúde e o benestar entre os que se atopa o programa de saúde mental para IES e CEIPs. Mediante este programa traballase ofrecendo atención psicolóxica directa ao alumnado procedente de familias vulnerábeis ou con necesidades específicas; así como sesións individuais.
Outro dos programas que se leva a cabo é o de detección temperá de dislexia e TDA/H, que se leva a cabo mediante a Facultade de Psicoloxía da USC e que ten como obxectivo principal a detección temperá dos signos e síntomas iniciais co fin de minimizar o seu impacto no desenvolvemento e rendemento do alumnado.

Repítese un curso máis o programa de screening visual para a detección temperá de posíbeis problemas visuais no alumnado mediante a realización dun screeening non invasivo. O obxectivo deste programa é identificar anomalías que poidan dificultar o proceso de aprendizaxe. Trátase dun programa realizado pola facultade de Óptica e Optometría da USC.
Outro dos grandes bloques que se tratan mediante este Proxecto EnClave é o de educación e prevención, no que se engloban programas como o de prevención do acoso escolar. Trátase dunha proposta que ten como finalidade previr o acoso escolar e mellorar a convivencia nos centros educativos; promovendo unha conciencia positiva, o respecto mutuo e a adquisición de ferramentas que permitan ao alumnado xestionar de forma adecuada os conflitos cotiás.
Tamén se vai desenvolver neste bloque un Obradoiro de Emocións, unha proposta educativa centrada na educación emocional a través do teatro e o xogo dramático co obxectivo de dotar ao alumnado de ferramentas para identificar, expresar e xestionar as emocións propias e alleas, favorecendo o desenvolvemento persoal, a convivencia e o benestar.
Outro dos programas que se desenvolven é o nomeado Sen filtros de educación sexual; e o programa Sembra de prevención de condutas aditivas.
A gran novidade deste ano é o terceiro dos bloques que incorpora unha escola de familias mediante o programa Boiro en familia. Trátase dun espazo de información, orientación, formación e acompañamento familiar e charlas formativas para familias, alumnado e docentes con persoal especializado.
O Proxecto EnClave é un programa pioneiro e innovador que naceu no ano 2021 para educar, previsto o acoso escolar e promover o benestar emocional e a saúde mental do estudantado da localidade e vaise adaptando ano a ano en función das necesidades detectadas nos centros de ensino.



