Rianxo vai acoller este sábado 1 de abril a primeira edición dun encontro deportivo e saudábel, o I Evento Fitness, no Pavillón Municipal de Deportes José Manuel Abuín. A xornada xurdiu da colaboración entre a rianxeira Virginia Torres, experta en prácticas deportivas saudábeis, e o Concello. Será unha xornada de dúas horas de de duración “para desfrutar do mundo fitness, das novas tendencias deportivas, da presenza de adestradores profesionais e das últimas novidades musicais”, segundo explica a área municipal de Deportes, co-organizadora do evento.
Virgina Torres mergullouse no ámbito do deporte e a nutrición dende os 16 anos. É diplomada en maxisterio especialista en Ed. Física, técnica superior en adestramento persoal, mestrada en xestión e dirección de instalacións deportivas, técnica en Nutrición e Suplementación Deportiva, técnica en adestramento en suspensión e adestramento funcional, mestrada en recuperación postparto e hipopresivos (solo pélvico), adestradora de spinning e especialista en adestramento da muller/ sistema hormonal…
Na actualidade adícase ao adestramento persoal, sendo fundadora de WildPoint, unha aplicación móbil de adestramento en liña.
Na xornada contarase tamén coa presenza de Nolo Romero, Maria Lorincikova e Dj Mínimo Eventos.
Información e inscricións en @wildpoint.es.




