A nova edición de FalaRedes arrinca cunha peza para a rapazada adicada a Castelao (con funcións en Boiro e O Son)

16 Marzo 2023

Volve o programa FaraRedes, reforzado nos seus obxectivos de achegar actividades de lecer en galego aos concellos galegos, unha axenda que abrangue os máis de 200 municipios e entidades que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística. Así o anunciou na mañá deste 16 de marzo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a presentación da XII edición desta iniciativa, que abre a súa programación do 2023 coa peza Castelao, de Culturactiva Producións, escrita, dirixida e interpretada por mulleres.

García mostrou a súa satisfacción por abrir “o programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023 cunha peza dedicada a Castelao cos obxectivos de fomentar o coñecemento dunha das figuras máis relevantes da cultura galega e en galego do século XX; potenciar a mirada feminina nas montaxes teatrais; promover o consumo de produtos culturais en galego do público familiar; proporcionar aos nenos e nenas unha experiencia de ocio positiva ligada á lingua e, en definitiva, contribuír á normalización e difusión da lingua galega nas idades máis novas e no contexto familiar e cultural”. 

Canda Valentín García tamén interviñeron na presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, as actrices Mónica Camaño e Cris Collazo, encargadas de dar vida ao propio Castelao e demais personaxes da peza.

Primeira obra sobre Castelao dirixida á cativada

Segundo fixeron saber, Castelao é a primeira obra sobre o autor de Rianxo dirixida á nenez, en concreto a un público de seis a 10 anos e ás súas familias. Con texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja, a peza presenta un Castelao de oito anos feliz e aventureiro na súa vila natal. 

“Trátase dunha montaxe de ritmo trepidante na que a tensión dramática cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara Arxentina do escritor e a súa nai”, explicou o secretario xeral, engadindo que “para facer aínda máis atractiva a representación”, os diálogos de ficción introducen elementos marabillosos combinados con elementos recoñecíbeis da obra de Castelao, cos que o elenco, a música e o deseño de iluminación xogan creando un espectáculo cheo de plasticidade, cor e ritmo. 

A obra estréase o vindeiro domingo 19 ás 12,00 h no Auditorio Constante Liste de Teo. Despois iniciará unha xira que a levará a visitar O Barco de Valdeorras (Auditorio Lauro Olmo) o 31 de marzo ás 19,30 h; Viveiro (Teatro Pastor Díaz) o 14 de abril ás 18,00 h; Boiro (Casa da Cultura Ramón Martínez López) o 15 de abril ás 19,00 h; Vilalba (Auditorio Carmen Estévez) o 16 de abril ás 18,00 h; Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) o 22 de abril ás 18,00h; O Porriño (Centro Cultural) o 28 de abril ás 17,00 h; Monforte de Lemos (Edificio Multiusos) o 29 de abril ás 18,00 h e Porto do Son (Casa da Cultural de Portosín) o 30 de abril ás 19,30 h. 

Como en cada actividade do FalaRedes, a entrada será de balde e a información completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.

Ademais, ao longo do ano a Consellería de Cultura seguirá engrosando a oferta de actividades de ocio en lingua galega para distrubuír entre os distintos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.

FalaRedes

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se desenvolve en entidades locais pertencentes á rede. Os seus obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo nela.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.