A firma Ecoplas Barbanza, empresa innovadora da Pobra do Caramiñal adicada á fabricación de mobiliario e produtos de deseño sustentábeis a partir do plástico reciclado (moito del procedente das actividades relacionadas coa pesca e o marisqueo), atópase entre as iniciativas beneficiadas polo programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, posto en marcha en 2022 da man de GAIN (Axencia Galega de Innovación), o IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) a Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia. Grazas á súa participación en Galicia Avanza, Ecoplas Barbanza poderá incrementar a súa presenza noutros mercados.

Primeira edición de Galicia Avanza
Na primeira convocatoria de Galicia Avanza, que vén de rematar, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade. Xa está en marcha a segunda convocatoria do programa, á que poden acceder outras 30 pemes. O prazo para presentar as solicitudes á aceleradora remata o 28 de febreiro e deberá realizarse a través da web de seu.
Durante os oito meses de duración do programa, traballouse na saída ao mercado exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posíbeis colaboracións con outras empresas. Un dos ámbitos fundamentais de traballo foi, tamén, o ámbito da nova comunicación: a tecnolóxica (redes sociais, Internet, nova mercadotecnia, novos formatos).

Das 30 pemes participantes na primeira edición, unha é da Pobra do Caramiñal. Trátase de Ecoplas Barbanza, que nace en 2005, focalizándose primeiro na fabricación de mallas extruídas destinadas principalmente ao cultivo e envasado de marisco. Nestes anos logrou entrar no mercado europeo e en breve farao no norteamericano. Segundo explican dende GAIN, IGAPE e a Tecnópole, en 2020 e 2021 as mallas biodegradábeis e compostábeis supuxeron entre o 10 e 15% da súa facturación, ao redor do 90% en Centroeuropa. A empresa foi incrementando as súas cifras ano tras ano, case triplicando o volume de exportación desde 2018 a 2021.
Nestes intres buscan os responsábeis de Ecoplas impulsar a internacionalización da súa gama Netcycle, mobiliario e produtos de deseño sustentábeis e funcionais creados a partir de plástico reciclado; en particular nos países do norte de Europa como Bélxica, Holanda, Alemaña, Dinamarca…, por tratarse de sociedades máis comprometidas co medio e co deseño de vangarda.
O plástico que usan na fabricación destes produtos procede tanto dos desperdicios que xera a empresa nos seus procesos produtivos como doutras empresas. O produto é, ao mesmo tempo, un material de construción, de xeito que pode empregarse na creación de espazos interiores ou stands para feiras, mesmo como material illante para fachadas.




