
O Dr. Hanníbal Lecter, aquel memorable personaxe tan acertadamente debuxado por Antonhy Hopkins, é un dos máis coñecidos psicópatas ofrecidos polo cinema. Intelixente, culto, sedutor, refinado e exquisito, mostrábase á vez salpresado con outras tinturas moito menos atractivas: egocéntrico, narcisista, carente de empatía, cruel, asasino, caníbal e extremadamente certeiro. Aproximadamente un 25 % da poboación mundial adoece dalgún trastorno mental ou psicopatoloxía. Desa porcentaxe, entre un e seis de cada cen sofren unha psicopatía coma a de Lecter. As cifras son só estimativas, xa que a maioría destes últimos non están diagnosticados e o máis paradoxal, e perigoso, é que os propios enfermos o ignoran. Non obstante, semella que os psicópatas non existen e que só transitan na ficción das pantallas. En certa medida é certo: a maior parte áchanse camuflados entre nós pese a portar unha bomba de reloxería adherida ás costas dunha estrutura de personalidade enferma. Certas profesións nas que a disciplina, o perigo, a extrema pericia e mesmo o narcisismo están presentes son os escenarios preferidos onde moitos destes perfís tratan de despregar e aliviar parte das súas desviadas pulsións.
Recoñezo que como psicólogo, por deformidade profesional e certa dose de voyeurismo, síntome atraído por coñecer, sobre todo de maneira anónima, como descorre a conduta de certas persoas co equilibrio psicolóxico alterado, analizando as súas opinións. Non me refiro exclusivamente a psicopatías tipo as de Lecter, senón a un heterodoxo escaparate de trastornos de personalidade: paranoides, sociópatas, esquizoides, delirantes,… A frondosa ágora que é Internet ofréceme unha nutrida despensa onde moitos destes suxeitos se manifestan gozosos. Son abondosos os «opinadores» que sofren algunha destas doenzas percorrendo xactanciosos diversos foros, especialmente os de causas excéntricas e mesmo conspiranoicas: terraplanistas, creacionistas, promotores da beatificación de ditadores, antivacinas, …
Dende unha perspectiva democrática, stricto sensu, temos que concordar con que, por moito que disten das nosas crenzas ou por moi pouco racionais que nos parezan, estas ideas poden ser libremente expresadas, ao estar amparadas polo Dereito á Liberdade de Expresión. Porén, nunca debemos esquecer que este dereito fundamental remata no exacto momento en que agravia e conculca outro. Nesa fronteira é onde os demócratas debemos postularnos de forma colectiva, inequívoca e sobre todo unívoca. A democracia, para se gozar con plenitude, precisa ser infatigablemente custodiada e defendida. «No queda más remedio que empezar a fusilar a 26 millones de hijos de puta» non é unha opinión; é, cando menos, un ataque intolerable ao artigo tres da Declaración Universal dos Dereitos Humanos: o dereito á vida. Quizais o certeiro Dr. Lecter tiña razón cando aseveraba: «Ningunha besta é tan salvaxe coma o home cando ten poder para expresar a súa ira».



