A non aprobación do orzamento municipal de Ribeira vén de desencadear un novo revés para o normal funcionamento da administración local ao impedir a incorporación no presente exercicio da subvención que acaba de ser confirmada pola Xunta de Galicia para a Escola Infantil Municipal de Ribeira.
Se ben esta imposibilidade de incorporar 110.000 euros (cantidade consignada na previsión de ingresos da proposta de orzamento que se rexeitou) non impedirá prolongar a gratuidade do servizo, si que
vai provocar tensións orzamentarias á hora de cumprir o contrato coa empresa concesionaria, e obrigará ao Concello a ter que buscar outras fórmulas distintas ás ordinarias para satisfacer os seus compromisos de pago.
Escola de Música
Por outra parte, en relación ás declaracións do grupo municipal do BNG nas que se afirma que o Goberno Local despediu irregularmente á profesora da Escola Municipal de Música do Conservatorio (para nenos de 3 a 7 anos), cómpre aclarar que este posto non forma parte do persoal estrutural do Concello, razón pola cal non se viu amparado polo suplemento de crédito de 970.000 euros aprobado a proposta do Executivo no último pleno da Corporación.
En consecuencia, foi o esgotamento de fondos o que provocou a extinción anticipada do contrato e a non impartición de clases na última xornada do ano. A actividade da Escola Infantil Municipal poderá retomarse na entrada do 2023 ao cobrar vixencia os orzamentos prorrogados, se ben tampouco se poderá garantir unha anualidade completa, cousa que se conseguiría coa aprobación do orzamento do ano 2023 xa que a RPT contempla o seu cambio a persoal estrutural.




