“Nada e máis nada”. Luís Celeiro

14 Decembro 2022

Sentou na ourela do río e pasmou vendo as troitas ruar, de arriba para abaixo e de abaixo para calquera lado, as troitas movíanse a grande velocidade e escondíanse detrás das lastras furadas polo tempo, pola auga, a escuridade e a friaxe. Era no río do seu lugar, que ía engorde, amodo e pouco a pouco, cara o mar que se imaxinaba ao lonxe. Era un lugar da montaña, onde vivían, a ediados do século pasado, unhas noventa persoas, a maioría delas novas e con forza para traballar, para amar e para rir.
Naquel lugar agora non hai quen se achegue ao río, todo vai de mal en peor, todo está preparado para desaparecer e desaparecerá antes de que cante o galo, antes de que volva
nevar, moito antes do que se poida pensar. O río, non. O río seguirá a súa canle e irá ao mesmo ritmo coa auga para o mesmo mar, cuberto de aves acuáticas que da gusto e medo velas. E a muller que sentou naquel cepo para ver pasar a auga, onde irá?
Ninguén sabe nada. Nada é do que se fala e todo o que se cala. Os cidadáns da montaña e do rural están acostumados á nada e, igual que Pablo Neruda, saben da súa importancia, “Para que nada nos amarre / Que no nos una anda”. Ben sabemos que a poesía é outra cousa, pero a nada ten un enorme valor na cultura do rural noso, nas vivencias da nosa xente traballadora, na realidade de cada día, onde se amontoa a nada sobre nada, onde todo é ou parece nada.
E, cal será o valor de nada? O seu prezo é indiscutiblemente alto e págano, precisamente, os que non teñen nada, aqueles cidadáns que, a pesar do esforzo, posúen miseria; os que teñen fame, os que non poden pagar con nada.
A importancia da nada para os crentes é evidente, tal que Deus creou dela o mundo, no que viven uns na pobreza e outros na opulencia. O mundo das desigualdades foi o que saíu desa nada, que continúa sendo nada e máis nada.
Por aquí non pasa nada e nada non é máis que unha palabra, ren, sen ningunha outra cousa. Os cidadáns deben aproveitar o tempo e seren algo mentres se pode, despois todo é nada, outra vez. E, dende a ourela do río, non se ve outra cousa máis que nada. A Tía Manuela pensa no que acontecerá e goza vendo e sabendo que non todo é nada, pero onte foi ao médico e quedou moi contenta ao escoitarlle: “Tranquila!, non tes nada”.

Outros artigos

“Centro Empresarial da Construción” – José Manuel Pena

A construción, como o resto de actividades laborais, é fundamental para o crecemento económico e social de calquera sociedade. No ano 2003 naceu, na comarca do Barbanza, o Centro Empresarial da Construción, co obxectivo primordial de unir, defender e dignificar ao...

+

“Sociedades y relaciones liquidas”. José Antonio Constenla

Nuestros abuelos se casaban y su matrimonio era de por vida. El tiempo deduración de las relaciones de nuestros padres superan con mucho lasnuestras. 7 de cada 10 matrimonios en España terminan en divorcio y duranpoco más de 16 años, Aun así, según el CIS nos encanta...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión