
Dado que a pesca é un sector produtivo alimentario que aporta proteína de primeira necesidade e da que dependen directamente 40 millóns de profesionais de todo o mundo, e cuxo peso económico, social e alimentario é especialmente relevante nas consideradas costeiras dos países en vías de desenvolvemento, os efectos da descarbonización na frota vai demorarse máis ca no caso dos buques mercantes: estes teñen fixado un límite no ano 2050 para acadar as “cero” emisións, e a pesca no 2100.
A alta dependencia dos combustibles fósiles na actividade pesqueira, cuxas lexislacións condicionan os mercados e a rendibilidade das frotas, e a incidencia do quecemento climático na propia pesca, sexa polo desprazamento de especies, a acidificación ou a suba do nivel do mar que ameaza as infraestruturas portuarias, son outros aspectos a ter en conta nesta encrucillada á que se enfronta a frota pesqueira, unha das tres actividades económicas máis vulnerábeis ao cambio climático xunto coa agricultura e o turismo, pero cuxa contribución ás emisións mundiais de dióxido de carbono é limitada: entre o 0,1% e o 0,5% do total mundial, o que equivale a entre 73 e 159 millóns de toneladas, cifra que hai que “coller con pinzas” segundo sinala no seu informe a UNCTAD (órgano para o comercio e o desenvolvemento da ONU) en relación coa transición das frotas pesqueiras en oportunidades e desafíos para os países en desenvolvemento. Este informe fai unha radiografía das implicacións da descarbonización na pesca e formula a necesidade de acadar unha transición “xusta” que non afecte de xeito desproporcionado aos países e comunidades máis vulnerábeis. O citado informe, xunto a unha serie de recomendacións, tamén analiza as diferentes solucións de propulsión limpa que están riba da mesa, fixando aos biocombustibles procedentes de subprodutos da pesca ou algas , así como de actividades da economía circular, como a alternativa máis prometedora. Pero advirte que a pesca está na cola da descarbonización dos sectores marítimos.
A este respecto a UNCTAD insta ás potencias pesqueiras a actuaren tendo en conta que a transición enerxética do sector pesqueiro deberá abordarse coma unha resposta económica das principais nacións pesqueiras, entre as que figura (aínda que non se cite expresamente) España.



