3.800 mozos poderanse beneficiar do bono alugueiro para vivenda habitual

23 Xuño 2022

O Consello da Xunta celebrado este xoves autorizou a convocatoria do Bono alugueiro mocidade, unha nova axuda que, cun orzamento de preto de 23 millóns de euros, prevé beneficiar a preto de 3.800 mozos galegos.

O obxectivo deste programa é facilitar á poboación menor de 36 anos o pago da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempre e cando esta contía non supere o importe que abonan en concepto de arrendamento.

A subvención concederáselles por un período de dous anos, coa posibilidade de recoñecer o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro de 2022 ou desde a data de sinatura do contrato, sempre que esta sexa posterior.

REQUISITOS PARA ACCEDER ÁS AXUDAS DE ALUGUEIRO

Para poder acceder a estes incentivos, ademais de ter entre 18 e 35 anos no momento de pedir a axuda, os solicitantes deberán dispoñer dunha fonte regular de ingresos, acreditar que estes non superan 3 veces o Iprem (24.318,84 euros) e certificar que a vivenda en cuestión é a súa residencia habitual, entre outros requisitos.

En canto ao importe da renda de alugueiro, non poderá superar os 600 euros e os 300 se se trata dunha habitación, no caso das cidades. No caso dos municipios das contornas da cidades, esas contías máximas oscilarán entre os 450 e 500 euros no caso das vivendas, e entre os 225 e os 250 euros nas habitacións. No resto dos concellos, a renda de alugueiro das vivendas non poderá exceder os 400 euros e os 200 nas habitacións.

A convocatoria sairá publicada cunha dotación de 22,8 millóns de euros a repartir entre as anualidades 2022 e 2023. Neste sentido, cómpre indicar que a finais de maio o IGVS recibiu a metade dos fondos estatais reservados a esta liña de incentivos para 2022 —5,7 dos 11,4 millóns de euros comprometidos—, de xeito que o Goberno galego xa está en disposición de convocar estas subvencións nos vindeiros días.

De feito, o prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e pecharase o 31 de outubro de 2022 ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario.

Segundo explicou trala reunión do seu executivo o presidente autonómico, Alfonso Rueda, esta axuda busca que “a xente moza poida ter máis facilidades para acceder en réxime de alugueiro a unha vivenda”.

Ademais, o Bono alugueiro mocidade será incompatible con calquera outra axuda que poida conceder o Goberno galego, as entidades locais ou calquera outra administración ou entidade pública para o pagamento de alugueiro.

Esta incompatibilidade non afecta ás axudas excepcionais a persoas especialmente vulnerables, ás perceptoras de prestacións non contributivas da Seguridade Social e ás persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital. Nestes casos a suma de todas as axudas non poderá superar o importe da renda.

PUBLICADA A ORDE DE AXUDAS PARA ESCOLAS INFANTÍS E GARDERÍAS

Por outra banda, o DOG ven de publicar este xoves a orde para que as escolas infantís de titularidade privada e de iniciativa social podan solicitar os fondos para aplicar a gratuidade universal para todos os menores de 0 a 3 anos de Galicia o vindeiro curso, independentemente do número de irmáns nesa idade que haxa na familia.

Unha medida que conta cun investimento de máis de 41 millóns de euros o que permite aumentar nun 10% a contía que reciben os centros para que poidan facer fronte ao incremento de gastos. Ademais, anticiparase o 100% do crédito para o período de setembro a decembro e o 90% de xaneiro a agosto, co fin de facilitar a planificación do curso.

Segundo explica a Consellería de Política Social, esta medida da gratuidade deseñouse de xeito que as nais e pais non teñan que realizar ningún tipo de papelame a maiores, xa que todas as xestións realízanse entre a Xunta e a propia escola.

O número de familias que se beneficiarán da extensión da gratuidade da atención educativa a todos os nenos de 0 a 3 anos estímase en 30.000. Isto suporá un aforro medio que xirará sobre os 1.500 e os 2.000 euros por neno ao ano.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.