As praias galegas obtiveron este ano un total de 111 bandeiras azuis

11 Maio 2021

Galicia sitúase entre as autonomías máis galardoadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), cun global de 155 distintivos entre areais, portos deportivos, sendeiros azuis e centros azuis.

Desta forma, con 111 bandeiras para as súas praias, catro máis que o ano anterior, a Comunidade acapara preto do 20% das outorgadas en toda España. En total, hai 34 municipios premiados, dos cales 12 son da provincia de Pontevedra, 14 da Coruña e 8 de Lugo. Salienta o feito de que o areal do Lago das Pontes reciba por primeira vez este galardón.

No referente ás bandeiras para portos deportivos, son un total de 11 (6 en Pontevedra, 6 na Coruña e 1 en Lugo); os centros azuis galardoados son 13 (6 en Pontevedra, 4 na Coruña e 3 en Lugo); e os 20 sendeiros distribúense entre os 9 de Pontevedra, os 6 da Coruña e os 5 de Lugo.

O municipio de Sanxenxo volve repetir como concello con máis bandeiras azuis nas súas praias, obtendo 17. Mentres, en Pontevedra, destacan a cidade de Vigo, que suma 10 areais e unha rede de sendeiros; Cangas do Morrazo (7 praias, un porto e un sendeiro); Marín (5 praias, dous centros e unha rede de sendeiros) e Baiona (6 praias e un porto).

Na mesma liña, na provincia da Coruña, destaca Arteixo como o municipio que máis bandeiras azuis obtén para as súas praias (un total de 7), seguido da cidade da Coruña (5 areais, ademais dun porto e un sendeiro) e Oleiros (5 areais e tamén un sendeiro). Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz volve ser o concello con máis praias galardoadas, con 5: A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás.

En xeral, os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis en praias e portos están relacionados coa calidade das augas, a seguridade, a dotación de servizos, a accesibilidade, a xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e as dársenas. Ademais, os centros e sendeiros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio. De feito, aqueles municipios que queiran optar a estas distincións deben presentar uns dosiers xustificativos da súa proposta, que inclúan unha memoria de actividade.

Por mor da COVID – 19, cómpre mencionar que moitos concellos costeiros adoptaron solucións tecnolóxicas ou mesmo contrataron persoal de vixilancia para controlar o aforo nas praias durante o verán, reforzando así as medidas de hixiene e limpeza de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

Outros artigos

A Pobra foi este mércores unha proclama contra as violencias machistas

Con motivo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, os xardíns Valle-Inclán acolleron na tarde deste mércores unha concentración para manifestar o rexeitamento a todas as formas de violencia machista e expresar o apoio e a solidariedade coas vítimas. O...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...