A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, presidiu este domingo a entrega de premios do certame organizado polo Centro Recreativo de Artes e o Concello, destacando o papel da parroquia como referente cultural no rural.

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, asistiu este domingo, 22 de novembro, á gala de entrega de premios da décimo terceira edición do Concurso de Poesía Albariza, un certame convocado de xeito conxunto polo Centro Recreativo de Artes e o Concello co obxectivo de dinamizar a creación literaria e fomentar o uso da lingua galega.
Durante a súa intervención, a rexedora salientou a vitalidade da iniciativa: “Cada nova convocatoria confirma que estamos ante un proxecto plenamente consolidado que non deixa de medrar e que se constata co aumento da participación e a procedencia cada vez máis diversa de quen concorre”. Sampedro, que definiu a cultura e a educación como “piares irrenunciables do benestar colectivo”, agradeceu o labor do Centro Recreativo de Artes —presidido por Rosa Orellán— por impulsar propostas que dinamizan a creación artística desde o rural, sumándose ao atractivo cultural que xa achegan na parroquia o Museo do Gravado e o Museo Etnográfico.
A mandataria local felicitou tamén a todas as persoas galardoadas e recoñeceu a implicación dos centros educativos no fomento da creatividade entre a mocidade, representados nesta edición polo CEIP Plurilingüe de Artes, o CPR Bayón, o CPR Sagrado Corazón e o CPR A Milagrosa.

Relación completa de persoas premiadas
O xurado desta décimo terceira edición —integrado por Manuel López Rodríguez, Manuel Reiriz Dios, Naíma El Gargari Sampedro e Alicia Padín Otero— decidiu outorgar os seguintes recoñecementos nas distintas modalidades:
- Categoría de 9 a 11 anos:
- 1.º Premio: Claudia Arcos Paz, por Artes Natural.
- 2.º Premio: Alis Sampedro Pazos, por O meu veciño José e os seus gatos.
- Accésit: Mencía Vizcaya Gutiérrez, por Non me gusta nada.
- Categoría de 12 a 14 anos:
- 1.º Premio: Fátima de la Iglesia Lobato, por O vello mestre.
- 2.º Premio: Uxía Iglesias Olveira, por A señora da esquina.
- Accésits: José Antonio Dorca Casais (por Corrubedo) e Nicolás Pena Olveira (por Amar sen ser amado).
- Categoría de 14 a 18 anos:
- 1.º Premio: Jheferson Abreu Pasín, por Por que as guerras?.
- 2.º Premio: Alba Dopazo Guldrís, por Memorias, corazóns e outras equipaxes.
- Categoría de 18 anos en diante:
- 1.º Premio: Sabela Rodríguez Reino, por Diario de bitácora.
- 2.º Premio: Ana Martina Varela Velo, por Como por encantamento.
- Accésit: Emilio Fernández de Sanmamed Fernández, por Nada sucedeu despois.
- Categoría especial de persoas maiores (mencións):
- Pepita Vidal Pérez (80 anos de miña nai), Juana Pérez Martínez (Hotel), María Baleirón Rodríguez (Moi lonxeva) e Magdalena Castro González (Tuchiño).
Os galardóns consistiron en vales para material escolar ou deportivo nas categorías menores de 18 anos e premios en metálico para as persoas adultas —agás na modalidade especial de maiores—, recibindo todas as persoas distinguidas a súa correspondente placa conmemorativa ademais da publicación das obras premiadas.




