
O PSdeG-PSOE celebrou este sábado 21 de novembro un mitin na Casa da Cultura de Aguiño, en Ribeira, no marco da campaña das eleccións xerais do próximo 29 de novembro. No encontro os socialistas reivindicaron as políticas de protección social impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez e situaron a defensa das pensións públicas, os salarios dignos, a igualdade de oportunidades e os servizos públicos entre as principais cuestións en debate.
No acto interviñeron Francisco Suárez-Puerta, voceiro municipal socialista de Ribeira; Jorge Romero e Tamara García, candidatos ao Congreso pola comarca do Barbanza; Ana Alvite, candidata número tres ao Congreso e secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia; Sindo Guinarte, candidato ao Senado; e Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE.
Durante a súa intervención, Bernardo Fernández Piñeiro destacou a importancia das eleccións do próximo 29 de novembro e expresou a súa preocupación ante a posibilidade de que a extrema dereita participe no Goberno de España.
“Estamos ante as eleccións máis importantes da nosa historia democrática porque é a primeira vez desde o final da ditadura que a extrema dereita pode volver gobernar nas institucións do noso país. E iso non é calquera cousa”, afirmou.
O secretario xeral provincial defendeu que o debate electoral debe centrarse nas cuestións que afectan directamente á vida da cidadanía, como o emprego, a vivenda, as pensións ou os servizos públicos.
“Estamos dedicando esta campaña a falar do que verdadeiramente lle importa á xente: pensións, vivenda, salarios dignos, emprego de calidade, crecemento económico e industrial, dereitos sociais e laborais, mocidade e cultura”, sinalou.
Fernández Piñeiro contrapuxo as políticas sociais defendidas polo PSOE ao modelo que atribúe ao Partido Popular e Vox, aos que acusou de “favorecer os intereses das rendas máis altas e de cuestionar os mecanismos de redistribución da riqueza”.
Neste sentido, criticou as recentes declaracións de Isabel Díaz Ayuso sobre as persoas beneficiarias de axudas sociais en Andalucía, que considerou “unha mostra de desprezo cara a quen atravesa maiores dificultades económicas”.
“Estamos falando dun Estado social que ten que garantir que aquelas persoas que menos teñen poidan vivir dignamente. O que hai detrás dese discurso é unha visión clasista da sociedade, na que os que menos teñen deben seguir tendo menos”, denunciou.
O secretario xeral provincial tamén cuestionou a xestión económica de Alberto Núñez Feijóo durante a súa etapa á fronte da Xunta de Galicia, sinalando que no seu mandato “incrementouse a débeda pública”. E engadiu: “Segundo as cifras expostas durante a súa intervención, a débeda de Galicia pasou de arredor de 4.800 millóns de euros en 2009 a preto de 12.000 millóns en 2022”,.
Fernández Piñeiro criticou tamén a orientación das políticas autonómicas en materia de sanidade, educación e servizos sociais, defendendo “a necesidade de reforzar os recursos públicos e garantir a igualdade de oportunidades”. E apuntou: “O que está en xogo é o público, aquilo que conseguimos co esforzo dos traballadores e traballadoras e co sacrificio das xeracións anteriores. O que nos permite chegar ao final da nosa vida con tranquilidade e o que garante que unha persoa poida mellorar o seu futuro a través da formación e do traballo”.
Pola súa banda, o candidato ao Senado Sindo Guinarte centrou boa parte da súa intervención na defensa do sistema público de pensións e na importancia de preservar o modelo de protección social. Guinarte reivindicou a política de revalorización das pensións impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez, contrapóndoa aos incrementos do 0,25 % aplicados durante os gobernos de Mariano Rajoy. “Este Goberno aprobou por lei que as pensións se revaloricen conforme ao IPC medio do último ano. Pero non podemos confiarnos, porque as leis poden cambiarse e unha maioría parlamentaria diferente podería modificar esa garantía”, advertiu, engadindo que “as pensións en mans privadas son un gran negocio para os bancos e as compañías de seguros; pero estamos falando dos ingresos cos que teñen que vivir as persoas cando rematan a súa vida laboral, e iso non pode depender exclusivamente dos mercados financeiros”.
O candidato ao Senado tamén puxo en valor o incremento do salario mínimo interprofesional durante os últimos anos e defendeu que a súa fixación debe continuar sendo unha responsabilidade do Goberno de España. “O salario mínimo interprofesional é unha obriga do Goberno. A negociación colectiva é fundamental para negociar os convenios e as condicións dos traballadores, pero iso non substitúe a responsabilidade pública de establecer un salario mínimo”, explicou.



