Os traballadores concentraranse diante da casa consistorial o último xoves de cada mes, coincidindo cos plenos ordinarios, para denunciar a discriminación salarial e o bloqueo do executivo local.
O persoal laboral do Concello de Muros volverá saír á rúa o vindeiro xoves, 26 de novembro, para retomar o calendario de mobilizacións diante da falta de avances e dos incumprimentos do goberno municipal na negociación e implantación da Relación de Postos de Traballo (RPT). As protestas desenvolveranse fronte á casa consistorial o último xoves de cada mes, coincidindo coa celebración das sesións plenarias da corporación.
O conflito retómase despois de que as mobilizacións —que arrincaran en outubro de 2025— quedasen en suspenso en xaneiro de 2026, tras o compromiso do Concello de iniciar formalmente a negociación da RPT cun calendario definido. Porén, segundo denuncia a representación dos traballadores, o executivo local suspendeu de xeito unilateral a xuntanza da mesa xeral prevista para o pasado mes de setembro e, malia as reiteradas peticións da parte social, aínda non volveu convocala.




