Centos de persoas acudiron este venres e sábado ao mediodía aos oito establecementos participantes para degustar as propostas gastronómicas a un prezo de 2 euros.
O II Concurso de Tapas Rois nun bocado! arrincou cun rotundo éxito de participación, espertando o interese de centos de persoas que desde este venres acudiron en masa aos locais hostaleiros do municipio para probar as oito creacións culinarias desta edición. A pesar do mal tempo rexistrado este sábado ao mediodía, a veciñanza e os visitantes volveron responder de xeito masivo, superando todas as previsións iniciais dos propios establecementos participantes.
A iniciativa, promovida polo Concello de Rois para impulsar o pequeno comercio, busca, en palabras da concelleira Victoria Quiroga, “dinamizar o noso concello, apoiar a hostalería local e poñer en valor a excelencia dos nosos produtos”. Durante esta fin de semana e a vindeira, cada un dos oito locais concorre cunha única tapa a un prezo único de 2 euros, sendo o propio público o encargado de elixir as tres propostas gañadoras, que recibirán premios en metálico de 300, 250 e 150 euros, respectivamente, xunto coas súas placas acreditativas.

As oito tapas e os seus horarios de degustación
A oferta gastronómica desta segunda edición abrangue propostas elaboradas con produto local e de tempada, dispoñibles nos seguintes establecementos e franxas horarias:
- Taberna Angueira: A Perla do Sar (timbal cremoso de polbo e horta). Venres e sábados de 12:00 a 16:00 e de 19:00 a 23:00 horas; domingos de 12:00 a 17:00 horas.
- Restaurante Casa Benjamín: Cuncha de ouro (ovo con xamón e bechamel suave). Venres e sábados de 12:00 a 16:00 e de 19:00 a 23:00 horas; domingos de 12:00 a 16:00 horas.
- Casa Rural Fogar do Selmo: Bolo preñado con chourizo de porco celta. Os seis días do certame de 12:30 a 15:00 horas.
- Café-Bar A de Marga: ‘Ensaladilla’ de gamba ao allo. Sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:30 horas.
- Café-Bar Malecón: Caldeiro (porco ao viño tinto con crema de pataca e cebola). Venres, sábados e domingos de 12:00 a 16:00 e de 18:00 a 22:00 horas.
- Taberna O Pemento: Tentación pemento rosa (polbo á feira con cachelo, salsa rosa e piquillo). Venres e sábados de 13:00 a 15:00 e de 21:00 a 23:00 horas; domingos de 13:00 a 15:00 horas.
- Bar Muelle Rois: Bocado de mar e terra sobre cremoso de coliflor (vieira do Pacífico á prancha con panceta ibérica). Venres e sábados de 13:00 a 15:30 e de 20:30 a 21:30 horas; domingos de 13:00 a 15:30 horas.
- Restaurante Val de Rois: Bendita cazoliña (xarrete guisado con puré de pataca ao parmesano). Os seis días do concurso de 12:00 a 19:00 horas.
Sorteo de tres vales de 100 euros e participación infantil
O certame organízase arredor de dúas zonas xeográficas: a Zona 1 (Urdilde e Augasantas) e a Zona 2 (Oín, Rois, Seira e Sorribas). Para que un voto sexa válido, as persoas consumidoras deben recoller nos locais o tríptico do concurso e selalo nun mínimo de tres establecementos diferentes que inclúan representación de ambas as dúas zonas. Tras cubrir os datos persoais e marcar a tapa favorita (que debe corresponder a un dos locais selados), o boleto depositarase nas urnas habilitadas nos negocios.
Como novidade nesta edición, ábrese a participación ás persoas que teñan ou cumpran 6 anos durante 2026. Todas aquelas persoas que completen correctamente o tríptico entrarán no sorteo público de tres vales de 100 euros cada un para consumir nos locais adheridos ata o 1 de marzo de 2027 (no caso de premiados menores de idade, o vale emitirase a nome da nai, pai ou persoa titora).



