
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, entregou esta semana na Coruña un dos catro bonos regalo de 250 euros sorteados entre as persoas participantes na segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio. Alí destacou que a iniciativa —desenvolvida nas contas de Instagram e TikTok da Xunta de Galicia— contribuíu a “achegar o comercio de proximidade á cidadanía a través das redes sociais e a incentivar a súa implicación co sector”.
O director xeral sinalou que as persoas agraciadas cos bonos regalo efectuaron compras en puntos das catro provincias, entre os que se atopan as cidades de Lugo e Ourense, pero tamén as localidades pontevedresas de Cangas e Ponte Caldelas, a coruñesa de Ribeira e a ourensá do Carballiño. Ao tempo que salientou a aposta das persoas beneficiarias polos establecementos de venda de roupa, produtos de óptica, xoguetes ou libros, recordou que os gañadores do sorteo deberán gastar tamén estes bonos adicionais en negocios adheridos á campaña e no prazo máximo dunha semana desde a súa entrega.



