
O Outono Cultural continúa achegando diferentes disciplinas artísticas en Ribeira coa apertura da exposición itinerante Madeiras do Mar, de Ruth Beltrán, que chega ao Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira despois do seu paso por Cangas, Bueu, Boiro e Malpica. Esta mostra arriba á instalación municipal ribeirense con arredor de medio cento de pezas onde o contido e o soporte dialogan entre si e co público que as poderá observar ata o 19 de decembro.
Esta serie enmárcase no proxecto Madeira Zombi que combina fotografía, artesanía e etnografía transferindo imaxes a madeiras arruinadas e abandonadas para dotalas dunha nova utilidade. Aquí, conflúe o relato da propia instantánea e a do pasado do soporte; madeiras que volven á vida cargadas de novos significados. E a tradición mariñeira impera en tódalas obras, non só por amosar momentos, obxectos ou paisaxes costeiras, senón tamén porque estes soportes foron recuperados das praias e das rochas, vestixio da súa antiga vida vencellada a diferentes oficios relacionados co mar.

Durante a apertura, a segunda tenente de alcaldesa, Herminia Pouso, na compaña da creadora, manifestou que Madeiras do Mar é un canto á nosa esencia, unha homenaxe ás persoas e empresas que foron tecendo, como se dunha rede de tratase, parte da historia de Galicia. Porque a nosa terra non se entende sen o mar. E en Ribeira sabemos ben disto. Somos mariñeiros. O mar non só forxou o noso carácter e a forma de vida, senón que tamén influíu no modelo urbanístico desenvolvido e na nosa cultura. De feito, no noso municipio contamos cunha gran riqueza patrimonial material e inmaterial”.
E esa identidade ribeirense faise notar en pezas que recordan a traxedia do buque Santa Isabel e o pasado da illa de Sálvora.
O público pode visitar a sala de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, así como os sábados, dende as 10.00 ata as 14.00 horas.




