
O CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro recibiu esta semana a visita dun grupo de docentes procedentes de Turquía, no marco dun proxecto de intercambio e cooperación educativa.
Esta mobilidade desenvólvese ao abeiro do Programa Erasmus+ da Unión Europea, unha iniciativa destinada a fomentar a cooperación e a formación nos ámbitos da educación, a xuventude e o deporte. A estadía pertence á acción KA1 de observación profesional (Job Shadowing), que ten como obxectivo que o profesorado se desprace a centros estranxeiros para adquirir melloras metodolóxicas e perfeccionar o ensino de linguas estranxeiras.
Grazas a este programa, profesionais de diversas especialidades do centro Namık Kemal Ortaokulu, situado na cidade turca de Konya, puideron coñecer de preto o modelo educativo galego e as dinámicas de traballo do centro integrado dodrense. A delegación contou tamén coa presenza dun representante da Dirección Provincial de Educación Nacional de Turquía, o que subliña o carácter institucional do encontro.
Como parte da axenda cultural e institucional da visita, o grupo foi recibido oficialmente na Casa Consistorial polo alcalde de Dodro, Javier Castro. Durante o encontro, o rexedor deu a benvida á delegación, explicoulles as principais características xeográficas, históricas e sociais do municipio e puxo en valor o rico patrimonio natural e cultural da zona, convidándoos a gozar da hospitalidade da veciñanza.
Finalmente, desde a dirección e a comunidade educativa do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón queren trasladar o seu máis sincero agradecemento ao Concello de Dodro, ao IES Lamas de Abade e a Isabel Sóñora pola súa inestimable colaboración, apoio loxístico e implicación para garantir o éxito da estadía e a plena integración do profesorado visitante.




