
A OPP83 Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía (OPP83 Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia de Ribeira) celebrou esta mañá unha xornada educativa no CPR Plurilingüe La Milagrosa – Josefa Sobrido, na parroquia de Oleiros, co obxectivo de fomentar o consumo de peixe entre os máis novos e demostrar que unha alimentación saudábel tamén pode ser divertida e saborosa.

A iniciativa, na que participaron arredor de 60 alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria, combinou divulgación, xogo e cociña para achegar os produtos do mar a un dos públicos máis esixentes á hora de probar novos alimentos: os nenos e as nenas. Para iso, os escolares distribuíronse en grupos que participaron de maneira simultánea en dúas actividades diferentes, alternándose para que todos puidesen gozar das dúas experiencias.
A xerente da OPP83, María José Casais, destacou que “os nenos e as nenas son os consumidores do mañá e, se queremos que o peixe forme parte da súa alimentación habitual, non abonda con explicarlles os seus beneficios nutricionais, temos que espertar a súa curiosidade, conseguir que coñezan as diferentes especies pesqueiras e demostrarlles que existen moitas formas atractivas e saborosas de preparalas”. E engadiu: “Queremos que deixen de ver o peixe simplemente como algo que teñen que comer porque é beneficioso e que descubran que tamén pode ser divertido cociñalo e, sobre todo, que pode estar moi rico”.
Aprender xogando e cociñando

A OPP83 deseñou unha xornada na que o xogo e a cociña foron as principais ferramentas para achegar o mundo do mar aos máis pequenos, permitindo que aprendesen dunha maneira participativa e, sobre todo, divertida. A través dunha actividade divulgativa e dun rosco mariñeiro, os alumnos descubriron algunhas das especies pesqueiras que forman parte da actividade da OPP83, as súas propiedades nutricionais e o percorrido que segue o peixe desde o mar ata chegar ás nosas mesas. Ademais, puxeron a proba os seus coñecementos con preguntas e retos sobre alimentación saudábel, o traballo dos pescadores e a importancia de coidar os recursos mariños.

A cociña tamén tivo un papel protagonista e foi, sen dúbida, o que máis gustou aos rapaces e rapazas do CPR de Oleiros. Nun obradoiro práctico, os nenos e nenas convertéronse en pequenos chefs e aprenderon a elaborar un roliño de Lirio de Ribeira, unha das especies máis representativas da frota da OPP83. No transcurso da actividade, tiveron a oportunidade de cociñar coas súas propias mans, preparar numerosas elaboracións e probar o peixe.
“A experiencia”, sinalaron dende a Cooperativa, “permitiulles achegarse ao consumo de produtos do mar dunha maneira divertida e participativa, espertando a súa curiosidade pola cociña e pola alimentación beneficiosa”.
Deste xeito, a Organización de Produtores Pesqueiros de Ribeira quixo demostrar que o peixe “pode ser protagonista de receitas orixinais, sinxelas e apetecibles para os máis pequenos, animándoos a descubrir novos sabores e a incorporalo á súa alimentación dunha maneira natural e atractiva”.
Os consumidores do futuro

Con esta iniciativa, a OPP83 busca fomentar o consumo de peixe entre as novas xeracións, poñendo en valor os produtos pesqueiros da súa contorna e achegando aos escolares a realidade dun sector estreitamente ligado á identidade e á economía de Ribeira.
O membro do Consello Reitor da OPP83, Pablo Pérez, subliñou a importancia do desenvolvemento deste tipo de accións: “Detrás de cada peixe que chega as nosas mesas hai moitas persoas que traballan no mar, un esforzo diario e un oficio que forma parte da nosa historia. É importante que os nenos e as nenas coñezan esa realidade, que saiban de onde vén o peixe que comen e que aprendan a valorar o produto e o traballo que hai detrás. Se conseguimos transmitirlles ese coñecemento e ese respecto desde pequenos, estaremos contribuíndo tamén ao futuro do noso sector”.
Esta actividade educativa está enmarcada no Plan de Produción e Comercialización (PPeC 2026) da OPP83, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).



