
Os concellos de Noia, Boiro e A Pobra do Caramiñal participaron esta semana en Bruxelas na XXV edición do programa TecEuropa, organizado pola Fundación Galicia Europa, para coñecer de primeira man as liñas de financiamento da Unión Europea e establecer contactos con posíbeis socios para proxectos municipais.
Segundo lembraron os representantes dos ditos concellos do Barbanza, a mellora do ciclo integral da auga, a eficiencia enerxética e a recuperación do patrimonio son algúns dos ámbitos nos que o financiamento europeo pode contribuír a impulsar proxectos municipais nos próximos anos, xunto coa sustentabilidade ambiental e o desenvolvemento económico local.
Nas xornadas participaron o alcalde de Boiro, Martiño Romero, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, a concelleira Patricia Lojo, o tenente de alcalde de Noia, Manuel Seijas, e persoal técnico municipal. Tamén asistiron persoal técnico do Concello de Porto do Son, representantes doutros concellos galegos e persoal técnico de asociacións, deputacións provinciais e da Xunta de Galicia.
Durante a estadía, os participantes analizaron as prioridades da Unión Europea e as perspectivas do marco financeiro plurianual 2028–2034, cuxa negociación será de especial relevancia ao longo de 2027. As xornadas tamén facilitaron o intercambio de experiencias e o contacto con outras administracións, institucións e posíbeis socios europeos para desenvolver proxectos que respondan ás necesidades de cada municipio.
O alcalde de Boiro, Martiño Romero, destacou que “é fundamental que os concellos coñezamos de primeira man as oportunidades que ofrece Europa para captar recursos que nos permitan mellorar os servizos públicos e impulsar novos investimentos nos nosos municipios”.
Pola súa banda, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, sinalou que “a cooperación entre administracións e o coñecemento dos mecanismos de financiamento europeo son fundamentais para afrontar os retos económicos, sociais e ambientais dos nosos concellos”.
O tenente de alcalde de Noia, Manuel Seijas, incidiu en que “os fondos europeos representan unha oportunidade para acometer proxectos que dificilmente poderían ser financiados unicamente con recursos municipais. Debemos anticiparnos, contar con proxectos ben definidos e establecer alianzas con outros socios europeos”.
Os representantes municipais agradeceron á Fundación Galicia Europa a organización das xornadas e o seu labor para achegar as institucións europeas ás administracións locais galegas, facilitar o acceso á información sobre os recursos comunitarios e abrir novas vías de cooperación.



