O BNG esixe solucións urxentes aos problemas do transporte público na Barbanza

20 Novembro 2026


O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para denunciar, segundo fan constar, “os graves problemas que está a provocar a nova concesión do transporte público por autobús e reclamar á Xunta actuacións urxentes que dean resposta ás necesidades de mobilidade da veciñanza”.

A deputada do BNG no Parlamento galego, a pobrense Rosana Pérez, acompañada por representantes da organización nacionalista da comarca, advertiu “de que, despois de máis de dous anos de espera pola nova concesión, os problemas do transporte público non só non se solucionaron, senón que se agravaron coa eliminación de servizos e paradas que utilizaban diariamente centos de persoas”.

Pérez dixo que a xestión neste ámbito do PP foi “nefasta”, principalmente ao volver adxudicar o servizo á mesma empresa, Monbus, “que acumula mesmo sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por incumprimentos contractuais”. Engadiu que “levamos máis de dous anos agardando por unha nova concesión e o resultado é que temos cada vez máis problemas. A Xunta tiña a oportunidade de mellorar o transporte público e o que fixo foi deixar persoas usuarias tiradas sen un servizo esencial como o transporte público”.

O BNG recoñeceu que está a recibir queixas de veciñanza de diferentes puntos da comarca, desde Carreira e Palmeira, en Ribeira, ata A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo. “É un malestar que tamén se trasladou formalmente aos concellos, a través da presentación de reclamacións por escrito”, sinalaron, engadindo que comparten a necesidade de incrementar as conexións directas entre Santiago e Ribeira, pero consideran “que esta mellora non pode facerse a costa de eliminar paradas intermedias e deixar sen alternativas as persoas que utilizan habitualmente o transporte público”. E apuntaron: “Non se pode solucionar un problema creando outros. Houbo persoas que acudiron ás súas paradas nos horarios habituais e atopáronse con que o autobús xa non pasaba por alí, sen recibir información previa. É unha situación absolutamente inaceptable”.

Neste sentido, o BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para instar a Xunta a repoñer de maneira inmediata todos os servizos suprimidos, cando menos ata que se acometa unha reestruturación que permita atender adecuadamente as necesidades da poboación, especialmente as relacionadas cos desprazamentos laborais e cos horarios dos centros de ensino.

Outra das demandas trasladadas polo BNG é “a necesidade de mellorar as conexións entre os concellos do Barbanza e a estación ferroviaria de Catoira, un punto de acceso ao tren utilizado por numerosas persoas da comarca, especialmente pola mocidade que se despraza a estudar ou traballar a outras cidades galegas”.

A formación nacionalista reclama que a Xunta amplíe a partida económica destinada a este servizo e habilite, cando menos, autobuses os venres pola tarde e os domingos pola tarde, para facilitar os desprazamentos de ida e volta da mocidade e do resto de persoas usuarias do ferrocarril.

“Non podemos falar de fomentar o transporte público se non facilitamos que a xente poida combinar o autobús co tren. A comarca necesita conexións reais coa estación de Catoira, especialmente nas xornadas e horarios nos que máis persoas precisan desprazarse”, apuntou Rosana Pérez.

Un intercambiador digno e accesible en Ponte de Te

Por último, o BNG reclama que a rotonda do polígono de Te, en Rianxo, que está chamada a funcionar como punto de transbordo entre diferentes liñas de autobús, “conte cunhas instalacións axeitadas ás necesidades das persoas usuarias”.

A formación considera “insuficiente que exista unha única marquesiña e que, ademais, non reúna as condicións necesarias de accesibilidade”. Por iso, demanda “a habilitación dun espazo cuberto de maiores dimensións, con condicións adecuadas de accesibilidade e unha zona habilitada para deixar os vehículos particulares e facilitar o transbordo”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ameazas de bombas para os escolares galego”. Antón Luaces

“Ameazas de bombas para os escolares galego”. Antón Luaces

Unha trintena de centros escolares públicos e privados galegos recibiron onte, mércores, cadanseu correo electrónico con esta expresiva mensaxe: "Si desea salvar la vida de los estudiantes, abandone el edificio". Con educación e perfecto castelán, mais cun ton...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.