
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, reiteraron o apoio do Concello á acción social no municipio coa
rúbrica de dez convenios de colaboración con entidades que operan no municipio. En consecuencia, a Administración local achegará 34.000 euros aos proxectos Prevención das drogodependencias, de Renacer; Atención a familias vulnerables, de ICE Renovación; Proxecto Contigo, de Faibén; Promoción do éxito escolar, de Cruz Vermella; Formación e emprego, de Cáritas; Servizo de atención psicopedagóxica, de Amicos; Vivindo en Comunidade, de Ambar; Atención psicopedagóxica para menores con trastorno do espectro autista, de Ágape; o funcionamento da delegación en Ribeira da Asociación Española Contra o Cancro (AECC); e Programa de transporte de usuarios, de A Creba.
Cada entidade percibirá 3.400 euros para “axudar a sufragar importantes proxectos que desenvolven nos seus respectivos ámbitos e que son de gran transcendencia para a sociedade, especialmente, para aquelas persoas en situación de vulnerabilidade. Non só estamos falando de financiar a folla de ruta de dez asociacións; isto vai máis alá: significa mellorar a calidade de vida de quen o necesita. Polo tanto, a sinatura destes convenios é un exemplo máis do
compromiso do Concello de Ribeira para seguir traballando cara a consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria da man destas entidades”, destacou a rexedora, quen tamén gabou o “nivel de implicación e o gran impacto que ten a súa actividade no noso municipio”.
Doutra banda, o edil de Servizos Sociais puxo en valor que “esta rúbrica supón que o contido vai pasar do papel á realidade. Somos coñecedores da situación que atravesan moitas familias da nosa localidade, polo que consideramos que é esencial establecer novamente esta sinerxía con estas asociacións que traballan en distintos niveis e axudan a cubrir necesidades básicas como, por exemplo, a alimentación. Son proxectos encamiñados a diminuír a influencia dos factores sociais que conducen á exclusión social, mellorando a situación dos colectivos máis vulnerábeis. É un orgullo contar cun tecido asociativo tan dinámico e que axuda á Administración local a chegar a toda a cidadanía”.



