Padrón crea dous itinerarios pedagóxicos ambientais no río Ulla e no Xardín Botánico

19 Novembro 2026

O Concello de Padrón, a través da Oficina de Turismo en colaboración coa Asociación Medioambiental Amabul, acaba de crear dous novos itinerarios pedagóxicos ambientais destinados principalmente ao público infantil e xuvenil, que poderán desenvolverse tanto en familia como a través dos centros educativos.

Segundo explica o Concello, as propostas teñen como escenario dous dos espazos naturais e patrimoniais máis destacados do municipio: o río Ulla e o Xardín Botánico Artístico de Padrón. O obxectivo común é “favorecer unha aproximación didáctica, participativa e atractiva ao patrimonio natural e cultural, fomentando ao mesmo tempo a observación, o pensamento crítico, o respecto polo medio e o coñecemento da identidade local”.

O primeiro dos itinerarios, denominado O Ulla como rede de vida, desenvólvese no ámbito do río Ulla e intégrase na recentemente inaugurada ruta de sendeirismo das pesqueiras de Padrón, a PR-G 276. A actividade propón unha experiencia de educación ambiental construída arredor dunha narrativa de misterio. Ao longo do percorrido, as persoas participantes investigan as pesqueiras tradicionais, descobren aspectos relacionados coa ecoloxía e co ciclo vital da lamprea e analizan a relación existente entre a comunidade, o río e o territorio.

A proposta, engaden dende o Concello, “emprega como fío condutor a metáfora dos elementos visíbeis, invisíbeis e conceptuais que conectan o ecosistema e a acción humana”. Desta maneira, apuntan, “búscase que as persoas participantes comprendan o río Ulla non só como un espazo natural, senón tamén como un territorio cultural no que se relacionan biodiversidade, usos tradicionais, memoria e actividade humana”.

O itinerario permite coñecer o funcionamento das pesqueiras tradicionais, interpretar a migración e o ciclo vital da lamprea, analizar a calidade ecolóxica do río mediante bioindicadores e achegarse á microtoponimia como elemento de memoria cultural. Tamén pretende favorecer a reflexión sobre os impactos ambientais, tanto positivos como negativos, e sobre o papel que desempeñan as decisións humanas dentro desta rede de vida.

A actividade ten unha duración aproximada de tres horas e media e estrutúrase como unha investigación progresiva. A experiencia comeza coa presentación dun misterio que busca espertar a curiosidade do grupo e formular preguntas sen adiantar as respostas. A continuación, o percorrido polo río permite descubrir diferentes pistas en seis paradas, nas que as persoas participantes deben observar, interpretar e relacionar os elementos que van atopando. Finalmente, o grupo reconstrúe o misterio e comprende as conexións existentes entre os diferentes elementos naturais, culturais e sociais asociados ao Ulla.

Para facilitar o desenvolvemento da actividade, nos centros educativos creouse tamén un manual específico para o profesorado. O documento ofrece orientacións metodolóxicas, información para a preparación previa da saída, materiais necesarios, adaptacións en función das idades, criterios de avaliación e recomendacións de seguridade. A finalidade é garantir unha experiencia educativa completa, coherente e adaptada ás características de cada grupo.

O xardín da memoria viva

O segundo itinerario pedagóxico ambiental leva por título O xardín da memoria viva e ten como escenario o Xardín Botánico Artístico de Padrón, un dos espazos máis singulares e visitados do municipio e que recibe cada ano a visita de numerosos centros educativos. O Concello indica que “a actividade propón descubrir o xardín a través da observación activa, da interpretación visual e simbólica e da fotografía como ferramenta educativa, achegando as persoas participantes ao valor natural e patrimonial do recinto, ao tempo que convida a reflexionar sobre a memoria individual e colectiva vinculada aos espazos públicos”.

Durante o itinerario, os grupos deben observar e identificar diferentes elementos do xardín, interpretar esculturas e espazos como portadores de memoria e significado e empregar a fotografía para representar ideas, emocións ou conceptos.

O traballo cooperativo e a toma de decisións compartidas forman tamén parte fundamental da actividade, sinala o Concello, engadindo que a experiencia, cunha duración aproximada de dúas horas, “está deseñada para favorecer unha relación máis consciente co patrimonio e para que as persoas participantes aprendan a mirar o Xardín Botánico desde novas perspectivas, combinando natureza, historia, memoria e creación”.

Este itinerario dispón igualmente dun manual para o profesorado que inclúe diferentes propostas para ampliar o traballo antes ou despois da visita.

Todo o material elaborado para estes dous itinerarios estará dispoñíbel na páxina web de Turismo de Padrón e na do Xardín Botánico, co obxectivo de que os centros educativos poidan preparalo previamente e utilizalo durante as súas visitas ao municipio.

Os recursos poderán consultarse no apartado Que facer – Actividades da web de Turismo de Padrón, permitindo que profesorado, familias e grupos interesados dispoñan das ferramentas necesarias para desenvolver as propostas de maneira autónoma.

Ademais, a Oficina de Turismo de Padrón prevé ofrecer ao longo de 2027 diferentes convocatorias destas actividades para facilitar a participación de todas aquelas persoas interesadas en descubrir o patrimonio natural e cultural do municipio a través dunha experiencia educativa e participativa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ameazas de bombas para os escolares galego”. Antón Luaces

“Ameazas de bombas para os escolares galego”. Antón Luaces

Unha trintena de centros escolares públicos e privados galegos recibiron onte, mércores, cadanseu correo electrónico con esta expresiva mensaxe: "Si desea salvar la vida de los estudiantes, abandone el edificio". Con educación e perfecto castelán, mais cun ton...

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

.Hai xa bastantes anos insistíalle eu a un alumno que se atascara nunha tradución do latín: «Pensa, pensa!». O rapaz moveu a cabeza e, ao cabo duns segundos, estoupou, o pobre: «Pensar doe, profesor!». Durante moito tempo contei aquela resposta como unha simple...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.